A plataforma veciñal agradece a aclaración pública da filial de Explotaciones Gallegas e atalaya Mining en relación co suposto investimento de 1,9 millóns de euros na depuración de augas contaminadas, pero recorda que tal como está plantexado «o proxecto cubrirá unha mínima porcentaxe da área realmente prexudicada pola antiga explotación de cobre».

Neste senso consideran que o anuncio dentro do programa «TERRAS» de Cobre San Rafael non é máis que «pura propaganda» dado que en realidade non só están afectadas canles fluviais como as do Portapego ou o Brandelos, senón que «outros moitos ríos e ducias de regos sofren o impacto negativo dos arrastres de metais pesados procedentes da mina abarcando unha extensa área de moitos quilómetros cadrados de superficie de solos profusamente contaminados».
Deste xeito para o colectivo o anuncio de que a empresa asume este proxecto «como parte do seu compromiso coa contorna e como unha aposta pola sostenibilidade» quédase en «fume» ante a presenza de miles de toneladas de lodos tóxicos «nun problema provocado por décadas de ilegalidade e desleixo dende o peche da explotación en 1988». Por iso, ante semellantes circunstancias a suposta “restauración” de augas, se non se tratan os solos de toda a zona afectada pola contaminación por metais pesados procedentes da actividade mineira, é só un “parche propagandístico” que «non soluciona en absoluto a gravísima problemática que sufre a comarca de Arzúa debido aos moitos impactos negativos da minería metálica».
SATISFACCIÓN POLO NOVO REXEITAMENTO DA XUNTA DE GALICIA AO PROXECTO DE COBRE SAN RAFAEL NA MINA DE TOURO
Doutra banda o colectivo veciñal celebra o novo golpe ás pretensións da mineira ao desestimar o recurso de reposición presentado por Cobre San Rafael fronte á resolución negativa do seu proxecto de reapertura da mina de Touro presentado ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas no 2017.
«Esta nova actuación da Administración galega certifica a inviabilidade ambiental do proxecto mineiro, ratificada na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) negativa emitida oficialmente no seu momento, dando a razón á cidadanía, que masivamente mostrou a súa oposición ao plan extractivo de Atalaya Mining e a súa filial, tamén coparticipada por Explotaciones Gallegas» -conclúe a plataforma veciñal-.