O colectivo recorda que segundo os datos da Organización Mundial da Saúde (OMS) a contaminación «ten un custe inasumible para a saúde da infancia» e que as nenas e nenos están expostos a este problema aínda máis que os adultos «xa que pode afectar ao seu desenvolvemento futuro».

Augas ácidas a carón do Punto de Atención á Infancia de Touro. A OMS considera que este tipo de situacións poden afectar ao desenvolvemento futuro das nenas e nenos e supoñen un grave problema de saúde pública / Cornado Mina Non

Nesta liña, e no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, a OMS leva anos instando ás autoridades a nivel local, rexional e nacional a alcanzar unha serie de metas orientadas a mellorar a contorna en materia de hixiene a fin de poñer fin aos riscos que ameazan á infancia, garantindo unha vida sana e promovendo o seu benestar. Por iso, para Cornado Mina Non, isto «é incompatible coa actividade dependente da minería metálica».

A gardería de Touro, edificada sobre terreos afectados pola contaminación da mina de Touro entrou en funcionamento no ano 2016 / Cornado Mina Non

A plataforma veciñal pide unha investigación do caso e anuncia que esixirá responsabilidades aos responsables públicos desta desfeita que ven a confirmar que «o legado da mina de Touro, tanto onte co proxecto de Riotinto Patiño como hoxe coa iniciativa de Cobre San Rafael e Atalaya Mining non pode asumirse nin dende o ámbito social nin no plano ambiental».

UN RESPONSABLE DIRECTO CHAMADO IGNACIO CODESIDO BARREIRO

A plataforma veciñal detalla no seu comunicado que foi Ignacio Codesido, o alcalde do PP en Touro, quen favoreceu a recalificación urbanística duns terreos da empresa propietaria, Explotaciones Gallegas S.L., impulsando a creación dunha zona dotacional pública ao carón dunha das balsas mineiras e no ámbito por onde pasaba o antiga canle perimetral de augas residuais da explotación.

Ignacio Codesido Barreiro (PP), alcalde de Touro / FEGAMP

Ademáis dun Punto de Atención a Infancia (P.A.I.) inaugurado en 2016, todo comenzou coa instalación dun campo de fútbol en 1994 que ao ano seguinte derivou en entulleira municipal, instalacións ambas que co tempo foron substituídas na mesma área por unha piscina, e varias pisstas deportivas, un aparcadoiro de autocaravanas, un invernadoiro, unha área recreativa, a Casa da Cultura, o edificio de Protección Civil e unha residencia da terceira idade. A maiores e para sorpresa da veciñanza tamén recalou na zona o Centro de Interpretación do río Ulla, un parque infantil e un parque «biosaudable».

Nesta foto aérea de 1995 pode apreciarse a localización dunha das balsas de residuos tóxicos da antiga explotación da mina de Touro / Cornado Mina Non
Imaxe actual da zona dotacional pública de Touro edificada sobre terreos mineiros / Google Earth

Cornado Mina Non recorda «aínda a día de hoxe, a escasos metros da gardería e do resto das infraestruturas públicas alí situadas atópanse diversas canles e surxencias de auguas hiperacedas ricas en metais pesados procedentes dos terreos da mina que poden no seu conxunto considerarse coma un desastre ambiental que está a ter un impacto negativo directo sobre a contorna e a saúde da poboación».

Canle de aguas contaminadas por metais pesados situada a escasos metros da zona dotacional pública / Cornado Mina Non

O GOBERNO GALEGO COLABOROU NA DESFEITA A TRAVÉS DE BEATRIZ MATO

O colectivo denuncia asemade que o máis grave «non é só a recalificación e uso urbanístico duns terreos mineiros en semellantes circunstancias» senón que a propia Xunta de Galicia, a través da entón conselleira Beatriz Mato participou dende a Consellería de Traballo e Benestar Social achegando un total de 135.000 euros para a edificación da da gardería de Touro. A plataforma veciñal considera neste senso que «non é aceptable que a Administración galega colabore nun proxecto situado nunha área situada a escasa distancia dalgunha das canles fluviais máis contaminadas de Galicia«.

O alcalde de Touro, Ignacio Codesido e Beatriz Mato, por entón conselleira de Traballo e Benestar Social, asinando o convenio de colaboración para a edificación da gardería nos terreos mineiros / Xunta de Galicia

DEJA UNA RESPUESTA