PSdeG-PSOE, Grupo Común da Esquerda, BNG e Grupo mixto rexistran en sede parlamentaria unha petición para que o presidente da Xunta acuda á deputación permanente a dar explicacións pola crítica situación dalgunhas instalacións logo do impacto da COVID-19.
As críticas á xestión da Xunta dos centros de maiores véñense producindo por parte de todos os grupos parlamentarios dende o inicio da pandemia xa que ata o de agora acumulan 657 persoas e 232 traballadores/as infectados/as.
Por este motivo, todas as formacións da oposición veñen de solicitar no rexistro da Cámara unha petición conxunta para que Alberto Núñez Feijóo explque “a situación real das residencias de maiores afectadas pola COVID-19”.
Precisamente este luns o voceiro de Compostela Aberta Martiño Noriega recordou que “una das peores decisións de Feijóo foi a de privatizar as residencias de persoas maiores” e reclamou un novo modelo residencial que reverta as actuacións levadas a cabo dende o Goberno do PP, resaltando a importancia da defensa do público “como garantía de coesión social” non só do benestar das persoas maiores “senón do conxunto da sociedade”.
Pola súa banda, a portavoz de Esquerda Unida Eva Solla denunciou a “nula vontade fiscalizadora” da Xunta cos centros privados, que ademáis de privatizar os servizos non está a exercer o control público debido sobre eles, agravando unha situación xa de por sí moi precaria polo impacto do coronavirus.