A Unidade de Cuidados Intensivos do centro dá a coñecer nun comunicado o seu desacougo pola actuación do Servizo Galego de Saúde no Complexo Universitario de Pontevedra (CHUP).
A UCI, totalmente equipada e con dez camas, permanece pechada dende o mércores 22 de abril por decisión da xerencia do SERGAS. Segundo denuncian, durante a pandemia, a falta deste tipo de instalacións provocou a modificación doutras unidades asistenciais dentro do complexo hospitalario e a creación de novas unidades, incluso provocando o traslado de doentes a outras UCIs de xestión privada como a do Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez, no que constitúen “mostras significativas da saturación dos hospitais pertencentes á área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés”.
Os traballadores sanitarios sinalan que a decisión tomouse sen consultalos, de xeito “unilateral” e para realizar obras de mantemento, “sen concretar o alcance nin os prazos de realización das mesmas”, infrinxindo a normativa do plan específico de continxencia fronte á Covid-19 redactado polo SERGAS para a área sanitaria.
Por este motivo, o persoal manifesta “unha enorme indignación e descontento” logo “de todo o esforzo, tanto físico como psicolóxico”, para o persoal de enfermería de cuidados intensivos, que declara sentirse “desamparado” ante a situación provocada pola cuestionable actuación levada a cabo dende a xerencia do Servizo Galego de Saúde.