A entidade suliña que aínda que veñen realizando «un exercicio de responsabilidade» e evitando «o ruído mediático», rexeitan frontalmente a nova campaña de propaganda que estes días está a levar a cabo o presidente da Xunta, que consideran de «burla» e «provocación».

O colectivo recorda que ante as declaracións de Alberto Núñez Feijóo de agradecer o esforzo aos profesionais sanitarios e esixir máis recursos ao Estado, no pasado mes de febreiro a Plataforma SOS Sanidade Pública convocou unha manifestación de protesta contra o deterioro da atención primaria, o peche de servizos hospitalarios, o ocultamento das listas de espera e a precariedade laboral do personal sanitario favorecido polo seu Goberno.
A asociación considera deste xeito
como «unha burla e unha provocación» que o todavía presidente faga ver a
súa preocupación pola repercusión da pandemia do coronavirus e diga
agora «que vai realizar xusto o contrario» do que ven facendo ao longo
dos últimos dez anos, como os recortes orzamentarios en instalacións e
personal sanitario, o desmantelamento da atención primaria e os
hospitais comarcais, a derivación de miles de pacientes a centros
privados concertados, a marxinación dos servizos de saúde pública e de
saúde mental e a posta en mans das multinacionais dos recursos
necesarios para planificar, informar e investigar os recursos sanitarios
e poder facerlle fronte a situacións de emerxencia como a actual.
Dende a Asociación para a Defensa da Sanidade Pública recordan asemade que o SERGAS tivo un recorte orzamentario de máis de 1.000 millóns de euros, suprimindo 513 prazas de persoal médico, 184 de enfermería (1.121 en todas as categorías), 450 camas hospitalarias incrementando a concertación coa sanidade privada só «grazas á redución da pública».
Para a entidade «só os recursos da sanidade pública que non teñen a finalidade de facer negocio empresarial privado son os que poden garantir e protexer a saúde da poboación e facer fronte a emerxencias sanitarias como a actual» e fan un chamado ás plataformas e colectivos en defensa do sistema sanitario público para que esixan «unha rectificación real da política sanitaria da Xunta» para poder dar «unha resposta adecuada a esta crisis» e a calquera «das que podan presentarse no futuro», garantindo deste xeito a atención sanitaria e a saúde a toda a poboación.


























