Común-Anova Mareas preguntará este mércores na Deputación Permanente da Cámara galega sobre as razóns polas que a Xunta fixo caso omiso sobre as alertas do Consello de Contas.
No ano 2017, este organismo público publicou o seu “Informe de fiscalización do gasto en atención a persoas maiores e dependentes” e nas súas conclusións afirmaba que algunhas das incidencias detectadas nas actuacións de control nos centros residenciais, tamén recollidas nas actas de Inspección de Servizos Sociais “refírense a incumprimentos en materia de persoal, fundamentalmente da ratio do persoal e a non diferenciación de funcións por categorías profesionais, o “uso inadecuado das instalacións”, as “deficiencias nos protocolos de funcionamento”, a “falta de rigor nos rexistros” e “a non actualización dos datos do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPPS)”.
O informe indica que “a pesar de que nos casos nos que as irregularidades observadas non se corrixiron non se iniciaron expedientes sancionadores” e “apreciáronse diferenzas na ratio de persoal de atención directa entre os centros xestionados con medios propios e os xestionados externamente, resultando unha media dun 9% superior nos primeiros” cando “a diferenza na ratio de persoal de atención directa é un factor que pode repercutir la calidade do servizo, e tamén na valoración outorgada á calidade polos residentes e familiares”.
Para o Consello de Contas, “a incorporación de novos centros residenciais ao sistema debe acompañarse dun incremento do número de efectivos da Inspección de Servizos que reforcen a vixilancia” pos “o reforzamento da labor inspectora debe dirixirse a vixiar os incumprimentos da normativa ou estándares de calidade esixidos, adoptando as medidas correctoras e sancionadoras que sexan precisas”.
Pese a todo, Antón Sánchez, tamén portavoz nacional de Anova, recorda que as familias das persoas usuarias e as plantillas dos centros residenciais levan moito tempo denunciando ditos incumprimentos mentres o Executivo de do PP “mira cara outro lado”, algo que “dificultou enormemente a loita contra o coronavirus nestas semanas polo déficit de persoal e medios sanitarios”. Por este motivo, esixe explicacións do Goberno da Xunta sobre as súas actuacións de inspección e sanción nos centros de atención a maiores nos últimos anos.
RELACIÓN DIRECTA DA MORTALIDADE NAS RESIDENCIAS COA PRIVATIZACIÓN DE SERVIZOS GO GOBERNO FEIJÓO
Para a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, as políticas de privatización de centros residenciais por parte do Goberno de Alberto Núñez Feijóo caracterizáronse por numerosas “irregularidades” e “amiguismos” nas adxudicacións, o que sumado á falta de control posterior por parte da Xunta derivou na dramática situación actual, na que case a metade das vítimas mortais a nivel galego acaeceron en centros xeriátricos.
Para a entidade, «é evidente a relación entre as malas condicións de moitas delas e a deficiente xestión do problema por parte da Xunta e a Consellería co elevado número de persoas afectadas, tanto nos internados coma nos traballadores, que veñen realizando un inxente traballo pese á falta de recursos e equipos de protección adecuados».