Dende En Marea e Moveneda consideramos intolerable e denunciamos a falta de democracia no concello de Neda cuio goberno formado polo PSOE, BNG e CG, e coa complicidade do PP, tratan de impedir que se prensenten e voten no pleno tres mocións do movemento veciñal referidas á inclusión de cláusulas sociais, éticas, medioambientais e lingüisticas nos procesos de contratación do concello; á petición de apoio aos afectados pola presunta estafa de Open Mortorkar e o apoio ás pensións públicas impulsadas pola Plataforma na Defensa das Pensións de Ferrolterra.

Segundo Moveneda, por vez primeira nesta lexislatura, trátase de impedir a participación política das veciñas e dos veciños e das súas organizacións nos asuntos do concello. E atopamos de especial gravidade que o principal impulsor desta manobra tan antidemocrática sexa o alcalde Ángel Alvariño do PSOE.

Estes feitos enmárcanse nunha estratexia de crecente cerco e torpedeo á lexítima acción política de Moveneda como grupo de oposición.

Este goberno tripartito xa ten abertos dous expedientes no Valedor do Pobo pola contumaz negativa a entregar información e documentación solicitada. A isto engádese a non celebración das pertinentes Comisións Informativas dende hai moitos meses e agora, a última manobra e impedir a presentación de mocións.

Hai que ter en conta as dúcias de casos noutros concellos nos que o PSOE e o BNG protagonizaron airadas protestas cando gobernos do PP lles impiden presentar mocións nos plenos. Atopamos especialmente hipócrita que intenten aplicar agora a Moveneda o que non lles gusta para eles.

Dende En Marea apoiamos a Moveneda na defensa, por todas as vías ao noso alcance, do dereito democrático que temos os veciños a participar na vida política do concello, especialmente no Pleno. Por iso, convidamos a toda a veciñanza a acudir como público a este e outros plenos, para ser testigos de primeira man de como se están a xestionar realmente os asuntos de todos, e a notable diferenza que existe entre a realidade e a propaganda oficial emitida polo concello.

Desde En Marea favoreceremos e prestaremos todos os medios ao noso alcance para dar apoio e cobertura a Moveneda para frear esta situación antidemocrática e auspiciada polo PSOE, o BNG e CG co apoio do PP, e que hoxe en día é intolerable.

Deja un comentario