Redacción Galiza

A única vía de acceso á canteira de Miramontes é unha vía rural á que se accede dende a estrada DP-7804 (Val do Dubra – Santiago). Este camiño rural, chamado Camiño de Gandarón, é unha vía de titularidade municipal, de 4,5 metros de anchura e ten unha prohibición de paso para vehículos de máis de 5,5 t.

O sinal foi restituído polo Concello de Santiago, tras solicitude da Plataforma, en novembro de 2017, informándonos e facilitando posteriormente a documentación xustificativa sobre a existencia dunha única autorización de paso para vehículos de tonelaxe superior a favor, exclusivamente, da empresa Áridos CNC, xestora da canteira. Do mesmo modo, quedou claro que o resto de entidades do denominado “Complexo Ambiental Miramontes” (UTE EYREGA e TECNOSOLOS GALAICOS S.L.) , usuarias da vía, non dispoñen da sinalada excepción de paso.

En marzo, a plataforma de afectados polo vertedoiro de Santiago de Compostela – Miramontes, a AAVV Montelongo e Ferusa (Federación de AAVV do rural), presentou un escrito á Garda Civil de Tráfico para denunciar o tráfico ilegal de camións con máis de 5,5 t. e achegou un certificado do Concello confirmando que a única empresa que ten autorización de paso para vehículos de máis de 5,5 t é a referida Áridos CNC.

Os veciños avisaron varias veces á Garda Civil para que se persoase na vía de acceso á canteira, pero sempre co resultado final de permitir a circulación dos camións non autorizados coa escusa de que non poden parar a actividade das empresas sen aclarar previamente a situación co Concello.

A situación irregular que se leva producindo dende hai anos non pode alongarse máis tempo. Os intereses económicos non deben primar sobre a seguridade cidadá. Existe un perigo real para as persoas e os bens (públicos e privados) xa que a vía, a todas luces, non reúne as condicións para soportar a densidade e características do tráfico actual, que pode chegar ao centenar de camións nun día. Isto deriva en problemas continuos de atascos entre camións que baixan e que suben, invasión de cunetas co conseguinte perigo para
calquera veciño que pasee pola zona, problemas de gretas nas casas próximas á estrada, vertidos…

A prolongación no tempo desta infracción de tráfico é unha mostra máis da impunidade coa que operan as empresas do Complexo, pese aos múltiples incumprimentos denunciados polos veciños e confirmados polas autoridades. Dende o mes de novembro de 2017, a Garda Civil de Tráfico xa debería ter actuado ante a transgresión sistemática do sinal prohibitivo. Por todo isto, vémonos obrigados a facer público o que consideramos un deixamento de funcións deste corpo e instamos ás autoridades competentes, unha vez máis, a realizar o control efectivo sobre o tráfico, impedindo o paso de camións non autorizados.

Máis información: https://stopvertedoirosantiago.wordpress.com/

Deja un comentario