O Grupo Veciñal de Touro desvela que o Pleno extraordinario do Concello de Touro celebrado o luns 29 de novembro e relativo ao procedemento de renovación da modificación substancial da Autorización Ambiental Integrada (AAI) á mercantil TEN S.L deixa ao descuberto «feitos inimaxinables para a veciñanza».

Instalacións de TEN S.L. nos terreos da antiga mina de Touro / Cedida

Neste senso sinalan que dende a súa implantación no ano 2005 ata o ano 2011 a empresa estivo a operar con residuos de carácter urbano e industrial sen licenza de actividade. E todo, a pesares das numerosas queixas veciñais e denuncias públicas polos pestilentes -e persistentes- cheiros orixinados nas súas instalacións situadas nos terreos da antiga mina de Touro, que están a xerar un grave problema de saúde pública no ámbito municipal.

Foi no ano 2011 cando o Concello de Touro concedeulle a Tratamientos Ecológicos del Noroeste S.L. a súa primeira licenza de obras e actividade, «sen que a día de hoxe se teña acreditado que esté en posesión da habilitación necesaria por parte da Dirección Xeral de Enerxía e Minas para a ocupación dos terreos e o inicio de tarefas». Todo isto non impediu que TEN continuase a operar baixo a súa propia «normalidade» ata converterse segundo a súa información corporativa en «líder en Galicia con máis de 135.000 toneladas de residuos tratadas ao ano» en «52.000 m2 de instalacións».

A realidade constata a existencia de obras e instalacións sen licenza municipal ou que «TEN está a operar fóra dos límites físicos establecidos na Autorización Ambiental Integrada nun reflexo do seu crecemento á marxe da legalidade«. Para a formación política «hai que ter en conta, ademáis, que durante a tramitación das licenzas non consta informe favorable algún do organismo competente en materia de Minas».

O Grupo Veciñal de Touro, principal partido da oposición e propoñente do encontro reclamou no xa coñecido como «Pleno dos cheiros» que Ignacio Codesido Barreiro (PP), alcalde de Touro, faga cumplir como rexedor municipal a legalidade e a normativa urbanística a unha mercantil que operada só por dez empregados «logrou converter ao concello no maior váter de Galicia», ao recibir de maneira permante lodos de depuradora e refugallo industrial procedentes de todo o territorio.