O vindeiro luns 29 de novembro ás 13:30 horas terá lugar un Pleno extraordinario na Casa da Cultura para abordar a renovación da autorización ambiental á empresa Tratamientos Ecológicos del Noroeste S.L. ao que poderá asistir toda aquela persoa que o desexe.

Pancarta de protesta contra os cheiros procedentes das instalacións de TEN na antiga mina de Touro / Creative Commons

Esta medida foi solicitada pola Marea Veciñal de Touro ante “os cheiros insufribles” que chegan dende a antiga mina de Touro e que leva anos padecendo a veciñanza como “consecuencia do colaboracionismo” do alcalde Ignacio Codesido, que, segundo denuncian, en todo este tempo negouse a levar a cabo unha auditoría para detectar posibles irregularidades pese ás reiteradas peticións da formación e nin tan sequera presentou unha soa denuncia polos continuos episodios de cheiros, que no seu conxunto están a constituir un grave problema de saúde pública.

Ignacio Codesido Barreiro (PP), alcalde de Touro / FEGAMP

Neste senso recordan que xa no ano 2015 -ano de outorgación da licenza- e con Codesido como alcalde, o concello non presentou ningunha alegación, trasladándolle á Consellería de Medio Ambiente que todo funcionada correctamente e sen problemas. Sen embargo, ao mesmo tempo o rexedor popular negoulle á veciñanza á información precisa para que puidese presentar alegacións, dándolle deste xeito “barra libre” á empresa para seguir incumprindo a Lei ao superar con moito á súa capacidade de xestión do refugallo procedente de distintos puntos de toda Galicia.

Por estas razóns, a Marea Vecinal de Touro decidiu solicitar un Pleno aberto á poboación porque “as cousas mudaron” e “agora xa non se pode facer o que fixo en 2015”, perseguindo, ademáis, que a autoridade municipal adopte unha postura “ante un tema que é de interese xeral para a veciñanza”.