O vicevoceiro do Grupo Parlamentairo de En Marea Antón Sánchez acusa ao Goberno da Xunta de bloquear a participación dos colectivos ecoloxistas e de que a actuación precipitada na súa tramitación obedece a un intento de «maquear o nefasto balance lexislativo» de Alberto Núñez Feijóo. 

O deputado Antón Sánchez durante a súa comparecencia / Grupo Parlamentario de En Marea

Sánchez, tamén portavoz nacional de Anova, considera que a decisión adoptada esta semana de levar a aprobación da norma a un pleno extraordinario a finais de xullo «é un intento máis de furtar o debate» ao impedir que se escoite aos colectivos ecoloxistas e de custodia do territorio que veñen de posicionarse en conxunto contra a nova lei.

O deputado afirmou en rolda de prensa este xoves que o PP «tómase a chufla as políticas ambientais» e despreza a institución parlamentaria e á propia cidadanía, valorando que detrás desta urxencia en aprobar a norma está a subordinación do propio partido «a outros intereses» e a intención do presidente da Xunta «de maquear ese nefasto balance de aprobación de leis, incumprindo as súas promesas ano tras ano».

Antón Sánchez recordou que a ponencia para debater e elaborar o informe sobre a Lei de Patrimonio Natural creouse en comisión parlamentaria o pasado 6 de xullo, pero aínda que se presentaron máis de 300 emendas, o PP quere pechar a ponencia canto antes «por puro interese partidista e electoral», dando remate o próximo luns «para poder pasar a rodillo e aprobar definitivamente o proxecto de lei antes de que remate o mes de xullo nun pleno extraordinario».

Para o vicevoceiro do grupo parlamentario de En Marea non hai ningunha razón de interés xeral que impida un debate sosegado onde poida participar a cidadanía. «Nós propuxemos co PSdeG e BNG un tramite de audiencia para escoitar estes colectivos que ven a nova norma como un retroceso nas políticas ambientais e que instan ó goberno galego a mudar o sentido deste proxecto de lei» -expuxo o deputado na comparecencia-.

Para Sánchez, esta decisión súmase «a dez anos de preocupación e desleixo absoluto» das políticas ambientais por parte do Goberno de Feijóo, durante os que se recortaron os orzamentos destinados a políticas ambientais preto do 70% e se paralizou a aprobación das Directrices da Paisaxe. «Mentres, as empresas eléctricas e os fondos voitre dos bancos dedícanse a instalar parques eólicos por todo o país e a ampliación da Rede Natura que esixe a Unión Europea tamén segue agardando» -sentenciou o deputado-.

Deja un comentario