O portavoz nacional de Anova Antón Sánchez denuncia a intención da Xunta de utilizar fondos europeos Next Generation para a restauración dos prexuizos ambientais producidos pola operación extractiva no Monte Neme.

Desastre ambiental provocado pola actividade da mina de cobre de Touro / Cedida

Sánchez recorda que Leitosa S.A., empresa vinculada ao clan Cotino, involutrado na rede Gürtel, explotou a mina do Monte Neme ata o 2012, ano en que entrou en concurso de acreedores, sendo liquidada por mandamento xudicial un ano máis tarde. O resultado é que se foi “deixando a explotación abandoada, sen restaurar e nunha situación moi perigosa”, chegando a rebentar en febreiro de 2014 unhas balsas e provocando unha verdedura de 24.000 metros cúbicos de auga e lamas que finalmente produciu cuantiosos danos materiais que tiveron que ser asumidos polos concellos.

Balsas mineiras abandonadas no Monte Neme. A explotación, vinculada ao clan Cotino na súa última época, recibiu 60.000 euros en axudas públicas de carácter ambiental / Cedida

O responsable político denuncia ademáis que a empresa recibiu da Xunta 60.000 euros en “axudas ambientais” e que, logo da súa fuxida, o Goberno de Alberto Núñez Feijóo pretende poñer 1 millóns de euros máis das partidas dos fondos Next Generation, un instrumento temporal concibido para impulsar a recuperación económica derivada da crise provocada pola Covid-19, non para “tapar os buracos producidos polas empresas do PP”.

Para Antón Sánchez, neste sentido “Galiza é unha mina” para arranxar as desfeitas vinculadas á nefasta xestión do Partido Popular en materia mineira, dado que a situación do Monte Neme non é a excepción senón a norma dun “saqueo” amparado pola Xunta e o PP, como en demostran explotacións coma a de Touro, San Finx, Varilongo ou as pizarreiras de Valdeorras.

Os impactos pagámolos tod@s e os beneficios e as subvencións van para estas empresas piratas con relacións espúreas co poder público” -incide o voceiro de Anova-.

Agora queren retomar a explotación de Touro, que leva 30 anos sufrindo a contaminación e custes desde xeito de actuar, e non escatiman en facer publicidade pagada nos medios e en comprar persoeiros que pretenden lavar a imaxe deste proxecto como algo rexenerador e positivo” -sinala Sánchez-.

Antón Sánchez denuncia que dende o PP no Goberno galego e os seus acólitos “pretenden que lles sigamos a pagar a festa” ás empresas afíns cando nin tan sequera está aprobado un borrador do Plan Sectorial de Actividades Extractivas, que a Lei 3/2008, de ordenación da minería de Galicia, sinala como “fundamental para compaxinar a actividade mineira con outras actividades e encaixala dentro do respecto ao medio ambiente e o territorio”.

Imaxínense como será a actividade mineira en Galiza cando non se poden poñer por escrito as súas intencións” -remata o portavoz-.

DEJA UNA RESPUESTA