No 2018 a situación segue a ser insoportable, a 19 de novembro 44 mulleres foron asasinadas (13 delas interpuxeran denuncia previa), tres delas galegas, quedando orfos 35 menores e tres menores asasinados por mor tamén da violencia machista.

Concretamente, en Galicia no 2017 presentáronse 6.436 denuncias por violencia de xénero, incrementándose esta cifra progresivamente dende o ano 2012 no que se rexistraron 4.788 denuncias.

Sen embargo, chama a atención a alta porcentaxe de casos pechados por sobresemento (un 56,3% de media no primeiro semestre de 2018, datos estatais); unidos estes ás sentenzas absolutorias e outros casos que non foron instruídos. Isto arroxa un número importante de denuncias que non rematan con sanción para o denunciado.

En canto ás solicitudes de ordes de protección, foron incoadas entre xaneiro e xuño de 2018 un total de 941, adoptadas 615, denegadas 317 e inadmitidas nove. Preocupa o número de denegacións, xa que como xa aconteceu nalgúns casos, a mulleres que foron asasinadas se lles tiñan denegado as ordes de protección. Os datos evidencian que o sistema e as políticas contra a violencia de xénero están a fracasar.

Aínda que non existe unha estatística oficial que recolla datos sobre a relación entre o desemprego e a violencia de xénero, é evidente que existe unha estreita conexión entre ambos indicadores.

A inserción laboral das vítimas debe estar garantida porque un emprego estable e un salario digno asegura autonomía

Neste senso, UGT avoga porque as administracións garantan a inserción laboral das mulleres que sofren violencia de xénero. Un emprego digno asegura a súa autonomía. Segundo recolle o borrador do último informe do observatorio estatal de violencia sobre a muller de 2016, das 44 vítimas mortais por violencia de xénero dese ano, só o 41% estaban a traballar. Ademais, o total de contratos bonificados por violencia de xénero en 2016 supuxeron tan só o 0.009% do total da contratación feminina rexistrada e, desa contratación bonificada, case o 76% foi temporal.

En Galicia dende o 2003 ata setembro de 2018 tan só se realizaron 375 contratos bonificados a mulleres vítimas de violencia de xénero, 54 o ano pasado, e 164 contratos de substitución dende 2005 a setembro de 2018, 29 no 2017.