En Común-Unidas Podemos celebrou este domingo un encontro feminista en Vilagarcía baixo o título ‘O amor gaña ao odio’ onde situou unha das prioridades da campaña: colocar as políticas feministas no centro do vindeiro Goberno.

“Estamos no século XXI e queremos unha Galicia moderna, de homes e mulleres libres. Que a mocidade emigrada volva a casa. Chegou a hora de estar no Goberno e decirlle aos que mandan que van deixar de sacrificar as nosas vidas, queremos poñer no centro as políticas feministas”, asegurou a candidata Yolanda Díaz.

A cabeza de lista por Pontevedra fixo un chamamento á xente do común “para encher as urnas de votos”. “Non temos compromiso cos poderosos, nós defendemos ás traballadoras do mar, dos produtos elaborados, que estaban explotadas e precarizadas e tiveron que poñerse en folga. Cómpre garantir o coeficiente redutor nas súas pensións, e nós loitaremos para facelo desde o vindeiro Goberno”, afirmou Díaz, que lembrou tamén a necesidade de traballar polas cotas de pesca e polas artes tradicionais.

Ademais, a candidata lanzou unha pregunta “por que Sánchez non quere que a banca devolva o que roubaron os causantes da crise? Só saiu da crise a banca. O PSOE non ten as mans libres. Por iso pedimos mobilizar a nosa xente para que por democracia e xustiza devolvan o roubado”, insistiu.

A candidata rematou decindo que “non son unhas eleccións máis” “porque “podemos perder, pero tamén gañalo todo. Votade polos vosos fillos, pensionistas, pola xente do mar”.

A candidata ao Congreso de Unidas Podemos, Vicky Rosell, convidada neste acto feminista, afirmou que cando comezou na política prometeu facer cumprir a Constitución, esa que as dereitas usan como arma arroxadiza.

“As feministas entramos nas institucións para defender os DDHH, aos indefensos. Porque facemos políticas con cerebro pero tamén con corazón”, asegurou Rosell.

Precisamente, destacou que o feminismo traballa “para poñer a vida no centro, pola loita contra o cambio climático, polo mantemento da vida rural, por un futuro sostible”

A candidata por Pontevedra, Ángela Rodríguez-Pam, lembrou que o feminismo serve para moitas cousas, entre elas para que as mulleres que coidan aos seus familiares teñan unha lei de dependencia que as respalde e lle outorgue dereitos.

“O PSOE non fixo nada para mudar a Lei de dependencia que fai que as mulleres traballen 8 horas e logo teñan que coidar dos seus familiares dependentes sen axuda do Estado, o PSOE non quixo invertir máis cartos para a Lei LGTBI, tampouco na lei de permisos de igualdade retributiva, nas pensions. Teñen favores que pagar e creen que estás políticas son demasiado caras”, incidiu.

A candidata rematou decindo que se o 8M “as rúas estaban cheas de mulleres valentes, o 28A deben encherse as urnas de votos valentes para que o feminismo siga avanzando”.

A deputada no Parlamento, Luca Chao, afirmou que as mulleres de En Común Unidas Podemos traballaron estes anos “para garantir vidas vivibles, garantir un futuro para todas e loitar contra o cambio climático” e resaltou que para o 28 de abril hai dúas opcións: “a do pasado e o odio e outra que ten esperanza e que cree na fraternidade e no amor, que mira cara o futuro”.

A candidata da localidade, Verónica Hermida, destacou que este acto feminista, só de mulleres, “pode realizarse grazas ao feminismo”.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario