O grupo parlamentario de En Marea votou en contra do teito de gasto proposto pola Xunta de Galicia e que se debateu hoxe na Cámara galega. O voceiro de En Marea, Luís Villares, arrancou a súa intervención deixando clara a defensa do seu grupo dunha “arquitectura democrática do gasto fronte a austeridade”. Así, asegurou que o debate orzamentario debería comezar por saber as necesidades reais a cubrir como canto persoal sanitario é necesario, profesorado, cantas persoas dependentes están a espera de ser atendidas.. Partindo deste punto, o seguinte a facer sería buscar a riqueza onde existe e a continuación facer as contas. O xeito de tramitar os orzamentos marcando de entrada o teito de gasto deixa en evidencia a aposta do goberno de Núñez Feijóo pola redución do gasto público.

Para o voceiro de En Marea a forma máis precisa de medir a riqueza é ver a parte da riqueza nacional que é obxecto de redistribución con criterios de atención. Tendo en conta isto, chama a atención a perda de 3,6 puntos do PIB destinado a gasto público nos anos de goberno Feijóo. Esta perda ben acompañada dun fracaso no control do déficit público e polo tanto a débeda que aumentou desde 2012, 4.470 millóns de euros un 39 por cento nos últimos anos e se teñen pagado o dobre do que se pagaría se se tivese acudido a un financiamento público e lugar do mercado privado.

O crecemento agora non virá xa de fora senón de dentro e neste sentido, Villares sinalou que o que vai impulsar este crecemento serán novamente os salarios, as pensións e os propios orzamentos da Xunta. “Este cambio de paradigma de crecemento económico é o que lle da sentido ao acordo asinado en Madrid entre o goberno central e o grupo confederal de En Marea para subir o salario mínimo interprofesional a 900 euros, para combater a pobreza laboral e a desigualdade, e garantir que as pensións manteñan o seu poder adquisitivo. “Un acordo que non só mellora a vida da xente senón que se convirte nun factor clave no desenvolvemento económico” afirmou o voceiro de En Marea.

Pero isto, como sinalou Villares “ten que se complementado por un orzamento expansivo que deixe atrás os recortes e a austeridade que o PP leva practicando os últimos 9 anos”. En Marea aposta por avanzar na converxencia de gastos e de ingresos coa media da Unión Europea, xa que estamos 5,4 puntos por debaixo que a media. Neste sentido sinalou que unha senda fiscal progresista debería camiñar para aumentar os gastos e para iso é preciso redistribuír a carga fiscal para que paguen máis os que máis teñen. “Isto é o que fai tamén o acordo acadado entre o grupo confederal de En Marea e o goberno do Estado, dar un xiro radical a política fiscal buscando a riqueza alá onde está, coa creación de novos impostos como para as grandes multinacionais da economía dixital que practicamente non pagan impostos en España, controlase o imposto de sociedades e eliminase o escándalo de SICAVS.

Fronte a isto o PP en Galicia insiste nunha vía equivocada como denunciou Villares xa que se o Parlamento aproba o teito de gasto proposto tendo en conta cal foi a evolución do IPC desde 2009, a Xunta en termos reais sería 2.016 millóns inferior ao de hai 10 anos. “Isto significa seguir na senda da diverxencia entre o medre da riqueza nacional e o compromiso no orzamento público e polo tanto unha renuncia constante e sostida no tempo a facer xustiza fiscal e social porque o peso do público é cada vez menor en relación ao conxunto da riqueza” asegurou Villares.

Por este motivo salientou a necesidade de que o gasto se incremente de forma sostible e sensible sobre o incremento do PIB. Establecendo como obxectivo mínimo recuperarnos dos recortes nos vindeiros cinco anos, o orzamento tería que medrar 400 millóns de euros por riba do incremento nominal do PIB este ano. Por iso no 2019, o orzamento de gasto tería que medrar practicamente o dobre do que prevé a xunta neste momento. “Non facelo é aceptar como bos os recortes” afirmou o voceiro.

Nesta situación o grupo de En Marea formulou no debate do teito de gasto no Parlamento distintas medidas para superar os limites fixados pola Xunta, medidas inmediatas e a medio prazo que teñen que ser contempladas polo goberno galego.

A primeira delas sería usar marxes que da a nova senda de consolidación fiscal aplicando o déficit acordado no Consello de política fiscal e financeira e que implicaría uns ingresos extra de 138 millóns de euros. “Porque se renuncia a este incremento, acaso non existen necesidades sociais que xustifiquen este incremento de recursos dispoñibles?” preguntou o voceiro de En Marea ao goberno galego.

En segundo lugar, realizar unha estimación rigorosa dos anticipos a conta dos ingresos que proveñen do sistema de financiamento autonómico corrixindo o desfase que se produce na Xunta todos os anos, “unha torpeza que pola súa reiteración parece máis dun goberno trileiro que fai trampa para xustificar un orzamento máis baixo”.

En terceiro lugar, estruturar a débeda pública para reducir a carga de xuros e cambiar a política fiscal da Xunta para eliminar esas rebaixas fiscais que benefician aos que máis teñen. Finalmente, acadar un modelo de financiamento autonómico que mellore a suficiencia e soberanía fiscal do noso país.

DEJA UNA RESPUESTA