O voceiro de En Marea, Luís Villares, criticou a actuación do PP na comisión de investigación dos recortes na sanidade vetando as comparecencias propostas por En Marea e polo resto dos grupos da oposición “imprescindibles” para coñecer o que está a acontecer

 

O voceiro de En Marea, Luís Villares, denunciou na sesión de control ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a mordaza que intenta poñer no Parlamento a través do grupo do PP no Parlamento para silenciar as “voces incómodas” que poden amosar a realidade que se está a vivir na sanidade pública galega a consecuencia da pésima xestión e os continuos recortes impostos polo goberno popular durante estes anos.

Na súa intervención lembrou a aprobación hai dous anos dunha reforma no Parlamento para incluír unha medida de transparencia: a posibilidade de creación, por acordo de toda a oposición, dunha comisión de investigación por lexislatura, mesmo contra o criterio da forza maioritaria. Así, a oposicio´n podería investigar temas incómodos para o Goberno. “A música soaba ben e o PP empregou o argumento en campaña e durante estes dous anos” afirmou Vilalres que lamentou que non fora máis que unha argucia de propagadan como se confirmou no mes de setembro cando En Marea e os demais grupos da oposición activaron este mecanismo para investigar sobre o estado da sanidade pública.

O sistema sanitario é quen garante a vida e a saúde da xente, e existe descontento social pola forma en que o Partido Popular xestiona este servizo público. Os continuos recortes na sanidade son percibidos por toda a poboación, que cando enferma padece listas de espera interminables, e cando son atendidos ven os colapsos de urxencias, a falta de recursos materiais e de persoal sanitario. Os profesionais non dan feito, e por iso proliferan as mobilizacións tanto do persoal sanitario como da poboación.

Ao longo destes anos os seus recortes, a pésima xestión popular e a continua privatización do público para facer negocio da nosa saúde vimos episodios especialmente dramáticos que causaron conmoción social, como o falecemento de pacientes de Hepatite C, que non recibiron medicamentos que estaban dispoñibles na farmacia. O voceiro de En Marea lembrou tamén a morte dun home no servizo de Urxencias da Estrada tras levar máis dunha hora agardando por un médico que non chegou a tempo. “A Xunta, incumprindo a lei vixente, non tiña contratado un segundo equipo médico” afirmou Villares.

“A comisión solicitada polos grupos da oposición da Cámara evidenciou que todo o discurso do Goberno Feijóo era de cartón pedra” denunciou. Fronte a petición de investigar da oposición, o PP vetou ás persoas propostas polos grupos da oposición, comparecencias imprescindibles para saber que está a pasar coa sanidade pública galega. Así nega entre outras a comparecencia proposta por En Marea para que o persoal que estaba a traballar no PAC da Estrada veña a contar o que sucedeu ao Parlamento, o mesmo que os familiares das vítimas pero sen embargo si poden comparecer as vítimas do Marisquiño.

“Explique por que aquí non poden vir as profesionais implicadas na atención sanitaria, no día a día, especialmente aos do PAC da Estrada” incidiu o voceiro de En Marea.

Luís Villares salientou a postura contraditoria do presidente da Xunta de Galicia referente aos familiares do falecido na Estrada e as persoas investigadas penalmente no caso da Hepatite C. “O veto máis grave é, sen lugar a dúbidas, é o da propia familia da persoa afectada” subliñou lamentando que para o presidente da Xunta de Galicia semella hai “vítimas de primeira e vítimas de segunda”.

Pero o que parece unha contradición, non o é como afirmou Villares xa que o única xustificación real para estos vetos é un motivo político: a mordaza. “Queren amordazar verdades incómodas. Silencios que protexen ao xefe dos recortes, a quen acaba coa nosa saúde” concluíu Luís Villares.

Deja un comentario