O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, denuncia o que podería ser un novo exemplo da política clientelar tan característica do Partido Popular. As sospeitas xurden desta volta arredor da convocatoria de subvencións para creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos nos Concellos realizada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Unha liña de axudas en réxime de concorrencia non competitiva de case tres millóns de euros, que tardou tan só doce minutos en esgotarse por completo.

O venres 4 de maio o DOG publicaba as bases reguladoras da convocatoria de subvencións destinadas á creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia para o ano 2018. Unhas axudas en réxime de concorrencia competitiva que, polo mesmo, se resolven de acordo á orde de rexistro das solicitudes presentadas e ata o esgotamento do credito dispoñible. É dicir: quen antes a pide, antes a leva.

A alarma xorde ante o feito de que o total da partida orzamentaria incluída nesta liña de axudas bianual tardou en esgotarse tan só doce minutos. Un feito que fai temer que, facendo gala dun proceder que lle é habitual, o Partido Popular na Xunta de Galicia puidera ter filtrado información privilexiada a consistorios amigos.

A convocatoria para a presentación de solicitudes abriuse ás 00:00 horas do día 5 de maio. E a última solicitude que puido ser concedida antes do esgotamento total do crédito tivo entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia ás 00:12:18 horas. Antón Sánchez alerta da alarmante rapidez con que foron dispensados a totalidade dos fondos dispoñibles. E, en vista de feitos recentes;  como a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por trato de favor da Valedora do Pobo na adxudicación dunha praza á irmá do voceiro do Partido Popular no Parlamento; ou a que obrigou a anular as 69 prazas dun concurso interno da Deputación de Ourense; teme que poida tratarse dun novo caso do iso clientelar das institucións tan propio do PP.

O crédito total desta liña de subvencións era de 4.381.543 euros, divididos en 2.882.373 euros para o ano 2018 e 1.499.170 para o ano 2019, e dispúñase unha axuda máxima por concello de 500.000 euros, IVE incluído.

Para En Marea é evidente que existiu unha comunicación previa aos concellos amigos, pois resulta a todas luces imposible preparar a ampla documentación esixida en tan só doce minutos.

Deja un comentario