En Marea mantivo unha xuntanza cos traballadores e traballadoras da factoría de Alcoa na Coruña para coñecer de primeira man a súa situación e trasladar o apoio tanto do grupo no Parlamento como no Congreso contra o anuncio de peche da empresa. Nesta xuntanza participaron o voceiro de En Marea, Luís Villares, o voceiro no Congreso, Antón Gómez Reino, xunto coa deputada no Congreso, Yolanda Díaz, e os deputados no Parlamento, Manuel Lago e Francisco Casal. Tras a reunión, ofreceron unhas declaracións aos medios de comunicación nas que o voceiro de En Marea referiuse á situación de Alcoa despois de se coñecer esta mañá os datos rexistrados en Wall Street que deron a maior subida a empresa tras anunciar os peches da Coruña e Avilés.
“Tendo en conta o millonario investimento en subvencións públicas para a súa actividade resulta unha auténtica burla á cidadanía que agora estean a repartir 200 millóns de euros en dividendos” declarou Villares.
Desde En Marea lembraron que durante anos se presentaron distintas iniciativas para dar solucións á situación mentras o Goberno de Rajoy estivo dando subvencións multimillonarias sen esixir investimento nas factorías, que non terían pechado a día de hoxe de terse dado esta modernización.
No caso de que se consolide o peche, o voceiro de En Marea instou a que se esixa a devolución destas axudas públicas á empresa para evitar que mentres uns accionistas en EEUU se reparten 200 millóns en beneficios, aquí centos de familias quedan na rúa.
O voceiro de En Marea considerou tamén imprescindible a modificación do sector eléctrico “para facer competitiva toda a industria” e a primeira medida “é sacar a produción hidraúlica, eólica e nuclear das poxas diarias de enerxía e obrigar a que sexa vendida a longo prazo con prezos xustos e estables”.
A deputada de En Marea e voceira de Industria no Congreso, Yolanda Díaz, quixo amosar a solidaridade coas traballadoras e traballadores de Alcoa e insistiu en que “non imos parar ata que se levante o ERE de enriba da mesa”.
“Tivemos unha xuntanza coa ministra de Industria e temos o seu compromiso e o do Goberno para crear a mesa tripartita na que tamén estén representadas as alcaldías da Coruña e Avilés, polo que non ten sentido que se tramite este expediente agora”, explicou Díaz, que lembrou tamén a petición de En Marea á ministra de Traballo para que levante o ERE mentres duren as negociacións polo futuro da empresa.
A deputada insistiu en lembrar que Alcoa recibiu moitos cartos públicos e ten obrigas tanto coa comarca de A Coruña como coa de Avilés, polo que “non imos parar de loitar”.
Pola súa banda, o voceiro de En Marea no Congreso, Antón Gómez.Reino, fixo tamén un chamamento á mobilización deste sábado para “defender aos nosos sectores produtivos, que son estratéxicos para o conxunto de Galicia”.