En Marea considera a emerxencia climática como unha das prioridades máis urxentes e que precisa de medidas inmediatas, valentes e que perduren no tempo

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2019. En Marea considera un fracaso o recén finalizado cumio anual sobre o clima COP25 polo limitado dos acordos acadados, polas dificultades nas negociacións entre gobernos a pesar da escasez de medidas e tamén pola forma de organización pouco aberta do propio cumio. María Chao, integrante do Consello das Mareas, participou neste cumio en representación de En Marea e repara entre outras cuestións  que este cumio foi patrocinado por tres das principais empresas contaminadoras de España. A pesar das limitiacións dos acordos acadados, En Marea insta aos gobernos a cumprir os acordos como un primeiro paso mínimo para iniciar todas as medidas necesarias para frear o cambio climático.

O limitado dos acordos acadados son o principal fracaso deste cumio que debería ter sido o das medidas decisivas para frear un cambio climático que xa está en marcha. A falta de compromiso por parte dos gobernos “é unha situación que En Marea lamenta profundamente porque retrasa a posta en marcha das imprescindibles medidas, reais e concretas, que hai que tomar contra a actual situación. Un fracaso se engadimos a forte presión da xuventude, das organizacións e das comunidades indíxenas que se esforzaron para que a súa voz fose escoitada”, segundo sinalou María Chao.

Outros dos fracasos do cumio foi a incorporación da cidadanía ao mesmo. María Chao sinala que existe un grave problema cando non se pode organizar un único cumio, senón que foi preciso facer tres diferenciados: unha “zona azul” reservada para os gobernos; unha “zona verde” adxacente e reservada para empresas amigas destes gobernos; un Cumio Social polo Clima alternativo organizado por entidades e organizacións sociais. Para María Chao “é moi difícil que os gobernos poidan tomar decisións que afecten globalmente sen contar coa xente que se estaba manifestando nas rúas. Constatamos que existe unha desconexión absoluta entre os espazos de toma de decisións e as persoas que as sofren ”.

Para En Marea é obvio que un cumio patrocinado polas tres empresas máis contaminantes do Estado Español, Iberdrola, Acciona e Endesa, non é unha garantía de éxito para frear o cambio climático. Máis ao contrario, foi unha ponte para estas empresas de acceso privilexiado ás negociacións e un intento de influencialas. A pesar disto e dada a grave situación de emerxencia climática que vive o planeta, agardábase deste COP25 unha serie de medidas reais e concretas que deberían desenvolver todos os gobernos asinantes do acordo, pero a situación tralo cumio é a contraria “non só os acordos son tímidos senón que moitos países como Estados Unidos, China ou Brasil néganse a acatar os acordos de París”.

A pesar do limitado do acordo, En Marea considera que todos os gobernos deben asumir os compromisos adquiridos na COP25 como un punto de partida, emprazando a toda a sociedade a concienciarse sobre a gravidade do cambio climático e sobre os seus efectos irreversibles se non tomamos medidas dende xa.
Debemos iniciar unha revolución no transporte, na industria, na construcción e no emprego a tavés dunha transición enerxética, agrícola, forestal e alimentaria; adaptar os territorios ao cambio climático, protexendo as poboacións máis vulnerables e creando ferramentas para a resistencia ao cambio climático; e garantir que a xustiza social esté presente nas solucións propostas.

Isto é, en concreto, iniciar a transformación das cidades a cidades verdes, promocionar o transporte público e o uso da bicicleta, mellorar o tren de cercanías, cambiar o noso modelo de vida, potenciar a gandeiría extensiva, diversificar a agricultura (liberala de pesticidas, adaptala ás novas condicións climáticas e locais, orientala sobre todo ao consumo de proximidade), desbotar as plantacións intensivas e fomentar os bosques que conserven a biodiversidade, os solos e a auga. Debemos proceder a unha planificación adecuada de todo o territorio e comezar a decrecer.

Let’s block ads! (Why?)