
Santiago, 17 de Xaneiro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou a proposta de En Marea defendida por Francisco Casal na comisión de Pesca para mellorar as condicións laborais das redeiras en Galicia. Grazas a esta proposta a Xunta de Galicia deberá introducir modificacións na regulamentación da condición laboral das redeiras e tamén melloras nos espazos de traballos destinados a esta fin en Galicia.
Segundo o aprobado na comisión de Pesca do Parlamento de Galicia a Xunta deberá mellorar as instalacións nas que as redeiras realizan o seu traballo, para conseguir que as naves nas que realizan os traballos reúnan as condicións de salubridade comodidades mínimas. Ademais desta mellora, a proposta de En Marea defendida por Casal sinala a necesidade de desenvolver ciclos formativos para as redeiras dentro dos orzamentos da Consellería do Mar, ciclos que permitan melloras os seus métodos de traballo e evitar as doenzas de carácter laboral. O deputado de En Marea, Francisco Casal, considerou na súa intervención que a “situación das redeiras era completamente inadmisible” e que o papel do goberno nas peticións dos colectivos de redeiras galegas non podía ser o de “ignorar as condicións de traballo que padecen e as súas consecuencias para a saúde”.
No texto aprobado polo Parlamento de Galicia figura tamén a necesidade de que a Xunta se dirixa ao goberno estatal para realizar as modificacións no réxime especial de persoas traballadoras do mar establecendo o recoñecemento do coeficiente redutor para redeiras, así como a homologación das percebeiras e mariscadoras ao 0,15% nos termos sinalados polo Instituto Social da Mariña. Esta modificación permitirá unha mellora na cualificación que a Seguridade Social ofrece a este colectivo, sendo o único subsector da pesca que non ten recoñecido o coeficiente redutor e que supón unha idade de xubilación menor como compensación pola dureza dos seu traballo, especialmente nun colectivo formado maioritariamente por mulleres.
No mesmo sentido, En Marea considera que a aplicación deste coeficiente redutor non debe implicar incremento nas cotas á seguridade social por parte das redeiras, nin que supoña unha redución na base de cotización.
Hai anos, a Federación de Redeiras O Peirao constituída por 7 asociacións de redeiras situadas en Cariño, Cedeira, Malpica, Corme, Cambados, Cangas e Baixo Miño, e que suman 110 mulleres redeiras asociadas e federadas iniciaron hai anos un camiño de recoñecemento e asociativo para poder levar a cabo uns obxectivos. Entre eles destacan a regulación a nivel estatal a profesión de confección e mantemento de redes e aparellos de pesca, a loita contra o instrusismo laboral, a visibilización so deu traballo, a mellora das condicións laborais, a garantía do relevo xeracional, a mellora das estruturas portuarias, a busca de alternativas de emprego para as redeiras, a prevención dos riscos laborais e o recoñecemento das continxencias profesionais derivadas do traballo de redeiras e a eliminación da fenda salarial existente entre os distintos subsectores dedicados á confección e conservación de redes e aparellos de pesca. Na consecución do obxectivo de recoñecemento das continxencias profesionais, a Federación de Redeiras O Peirao solicitoulle á Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social o inicio dos trámites para o recoñecemento dos coeficientes redutores.