A semana pasada debatéronse na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento Galego, dúas iniciativas do BNG e En Marea sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno Galego en relación co vertedoiro da canteira de Miramontes.

Os tres grupos da oposición (En Marea, BNG e PSdeG), ante as múltiples irregularidades detectadas nas inspeccións do vertedoiro, instaron á Xunta á súa paralización cautelar e á apertura dun expediente sancionador.

Pola contra, o grupo parlamentario Popular explicou que non se observan incumprimentos relevantes que xustifiquen o inicio de NINGÚN expediente sancionador á empresa xestora do vertedoiro. Esta postura contrasta coa decisión adoptada pola Fiscalía de Medio Ambiente, esta mesma semana, de abrir dilixencias de investigación por apreciar indicios dun posible delito medioambiental na actividade do vertedoiro.

Respecto á outra empresa do Complexo Ambiental situada na mesma canteira, que elabora solos artificiais (tecnosolos) a partir de residuos, os populares informaron da resolución dos dous expedientes sancionadores abertos a principios de ano.

A empresa Tecnosolos Galaicos SL enfróntase a dúas multas que suman un total de 195.00€ por diversos incumprimentos da Lei de residuos e da Lei de prevención e control integrados da contaminación, e á obriga de retirar o material depositado arredor da canteira,  por non cumprir as condicións para ser considerado tecnosolo e tratarse, segundo o comprobado nas inspeccións, dun vertido de residuos contaminantes.

A día de hoxe, este material contaminante que debe retirar a empresa segue depositado sobre o terreo no alto da montaña.

Deja un comentario