En Marea presentou este xoves en Pontevedra a súa candidatura por esa provincia para as eleccións xerais de abril. Dende a Alameda da cidade do Lérez, a formación comprometeu traballo e coherencia para impulsar o tecido socioeconómico, rematar coa precariedade laboral e mellorar a calidade de vida das maiorías sociais en Galicia. Pero tamén para facer posible o inicio dunha nova etapa nunha ría de Pontevedra máis limpa, ecolóxica e libre de Ence; e cunha AP9 pública e sen peaxes.

O voceiro de En Marea denunciou este xoves a diferenza de trato que o goberno central dispensa a Galicia en relación a outras autonomías, e comprometeu traballo arreo para conseguir rematar co maltrato á nosa Comunidade. “Acabamos de saber que a deputación permanente do Congreso dos Deputados ven de aprobar 6 transferencias de competencias para o País Vasco, entre elas a dunha autoestrada como a AP9. E cal é o número de competencias transferidas a Galicia durante todo o período de Núñez Feijóo: cero. E por que é así? Porque no País Vasco hai un bo equipo negociar e aquí non. Por iso é importante que En Marea chegue ás institucións do estado”, asevera Luís Villares.

O voceiro de En Marea denunciou unha diferenza de trato que incide na desigualdade e no maltrato a Galicia. E destacou a total coherencia e o compromiso desta formación para facer posible o traspaso da AP9, que o PP xa votou en contra, e que tampouco posibilitaron o PSOE nin Podemos.

“Queremos competencias que contribúan á conexión territorial e potencien unha axenda galega do cambio. Ese espíritu de sumar para todas é o que levaremos ao 28A”, indica Villares, que incide na necesidade de impulsar un proxecto que amplíe dereitos e que faga posible participar da gobernabilidade do estado a través dunha maioría de progreso en clave social.

Pola súa banda, a cabeza de lista pontevedresa ao Congreso puxo o foco “na fonda precariedade que caracteriza o mercado laboral, con altas taxas de temporalidade e salarios que non chegan ao salario mínimo interprofesional. E iso non é xusto porque Galicia e Pontevedra teñen moitísima riqueza. No mar e na terra, e tamén un tecido industrial que está padecendo unha grave destrución do emprego”. Iris Malvido volveu reivindicar o proxecto co que En Marea aspira a conseguir “cambios sociais como o aumento do salario mínimo, a derrogación das reformas laborais, ou un marco galego de decisións laborais que permita ás traballadoras tomar as decisións e que poña o foco na defensa dos intereses das galegas. É a hora do planeta, é a hora das mulleres, é a hora das persoas”.

Da necesidade de traballar para mellorar as condicións dos traballadores do mar tamén falou a candidata número 3 ao Congreso, Carmen González “Peque”, que reivindicou “a voz das mariscadoras de Praceres que se opuxeron á instalación de Ence nas marismas de Lourizán para defender o seu banco marisqueiro”. A candidata comprometeuse a “defender os intereses destas mariscadoras e os de todas as Confrarías galegas, traballadoras do mar e redeiras, ás que se lles está a negar unha rebaixa na idade de xubilación”. E destacou tamén a necesidade de defender as parroquias do rural de agresións ambientais como a A57, un novo vial proxectado en paralelo á AP9 contra o que En Marea xa se ten manifestado en múltiples ocasións.

Silvia Díaz, candidata ao Senado e veciña de Poio, loubou o espírito cidadanista e participativo dunha candidatura que escolleu ás súas integrantes en primarias. E que se propón levar ás institucións do estado a voz de todas as galegas e poñer as súas necesidades en primeiro lugar. Díaz comprometeuse a “defender os avances sociais e de dereitos conseguidos polo colectivo LGTBIQ, os do feminismo ou os das persoas con diversidade funcional. Queremos afondar neles e implementalos para conseguir unha sociedade máis integradora, solidaria, ecoloxista e xusta”.

Da necesidade de maior xustiza social a través dunha sanidade pública de calidade falou o número dous para o Congreso, Manuel González Moreira. Médico de profesión que puxo o foco en traballar para “ampliar dereitos temos e incrementar a xustiza social, a igualdade real, e unha fiscalidade xusta, solidaria e distributiva que garanta unha renda básica. Moreira tamén reivindicou o compromiso de En Marea cunha educación pública e cunhas políticas de atención á dependencia. E reivindicou a defensa dunha sanidade pública que “debe ser financiada polos impostos a través dunha fiscalidade xusta, onde pague máis quen máis ten para rematar cos copagos e repagos que afondan na desigualdade e afectan aos que maís precisan dela. A nosa atneción primaria está sufriendo unha tremenda agresión” indicou o candidato, que volveu comprometer o apoio de En Marea á folga que rematará o día 11 cunha concentración en Santiago de Compostela.