A Xunta e Portos de Galicia deberán facer públicos os datos de xestión e actividade desta última institución trala aprobación da iniciativa de En Marea defendida no Parlamento de Galicia pola deputada Julia Torregrosa. A iniciativa aprobada no Parlamento de Galicia obrigará a Portos de Galicia a “facer pública toda a información dispoñible sobre a xestión da institución” e que toda esta i”nformación se atope ao servizo da cidadanía e conte cun acceso fácil e rápido”.
En segundo lugar, a aprobación desta iniciativa obrigará a Portos de Galicia a publicar “todos os informes de xestión que non están pendurados na súa páxina web coa maior brevidade”. Deste xeito, En Marea quere acabar coa falta de transparencia nunha institución clave para o desenvolvimento dos portos de todo o país e que non ofrece á cidadanía nin aos usuarios destas instalacións portuarias a información derivada da súa xestión. Unha información que, segundo Julia Torregrosa, é chave “para que a cidadanía coñeza cal é o traballo das súas institucións”. Tamén explicou a deputada de En Marea que danse casos de datos sobre a xestión de Portos que non teñen ningunha posibilidade de consulta por parte da cidadanía “Os datos sobre a xestion de Portos de Galicia repítense dun a outro medio de comunicación sen que ningún xornal dixital permita enlazar directamente co Informe, algo que tampouco permite a propia páxina de Portos de Galicia, que non os ten actualizados dende 2013”.
O terceiro punto aprobado na proposta de En Marea é “garantir que todas as institucións públicas de Galicia manteñan un alto nivel de transparencia, permitindo a rendición de contas”. Neste sentido, explicou Torregrosa no Parlamento que “só na medida na que as institucións traballen de forma transparente e permitan facer un seguimento das súas actuacións, poderemos criticar, debater e discrepar sobre as accións a levar a cabo. Isto cobra importancia no relativo ao Informe de Xestión de Portos”.