Redacción Galiza | En Marea

O grupo parlamentario de En Marea conseguiu sacar adiante a proposta, presentada pola deputada Paula Vázquez Verao, para que o Consello Galego da Infancia e a Adolescencia se convirta por fin nunha realidade. Trátase dun órgano participativo, que converterá a cativas e cativos en suxeitos activos na análise das problemáticas que lles afectan directamente. Especial atención prestarase á loita a favor da igualdade de xénero; á erradicación da pobreza en Galicia e no mundo; e á protección do medio ambiente.

De acordo coa iniciativa impulsada por En Marea, no primeiro semestre de 2018 crearase ademais o Observatorio Galego da Familia e da Infancia. Órgano colexiado de carácter asesor e de apoio, análise, investigación, estudo e proposta de actuacións. De fomentar o desenvolvemento da particiación da cidadanía máis nova no eido local encargaranse os Consellos Locais, de acordo coa FEGAMP; prestando especial atención á participación de cativas e cativos con diversidade funcional en igualdade de condicións.

Paula Vázquez Verao lembrou que “as taxas de risco de pobreza infantil eleváronse de xeito intolerable coa crise”. Segundo datos de UNICEF, o 28.8% dos menores de 18 anos en Galicia esta en risco de exclusión. Ademais, o 8,6% vive en fogares con moi baixa intensidade de traballo.

A deputada avogou tamén por prestar especial atención a colectivos especialmente vulnerables e con problemáticas específicas, como o colectivo cigano. E por dotar a mozas e nenas de ferramentas e criterio para que sexan quen de detectar por si mesmas as situacións de desigualdade por razón de xénero presentes no seu día a día. “Preocúpanos especialmente o aumento de actitudes machistas entre a adolescencia, e a necesidade de fomentar unha educación en igualdade dende a máis tenra infancia como elemento indispensable para que exista unha sociedade libre de machismo e discriminación de todo tipo”, explicou Vázquez Verao.

Deja un comentario