En Marea considera que a decisión da Valedora do Pobo, Milagros Otero, de poñer o seu cargo a disposición do Parlamento chega tarde e mal. O voceiro da formación, Luís Villares, aclarou que “chega tarde porque se debería ter producido hai dez meses, cando unha sentenza do TSXG dixo que obrara con abuso de poder, e chega mal porque en lugar de dimitir pon o seu cargo a disposición de Núñez Feijóo e da súa maioría parlamentaria”.
Por este motivo, Villares esixiulle ao presidente da Xunta que pida “a súa renuncia explícita e inmediata porque en democracia non pode haber sitio para o enchufismo, a corrupción e a colocación dos amigos, aínda que eses amigos sexan os sobriños de Manuel Fraga ou as irmás dos voceiros parlamentarios do PP na Cámara galega”. O voceiro de En Marea lembrou ademais que “cando nós lle preguntamos, dixo que actuaría en consecuencia cando a sentenza fose firme. Polo tanto, agora debe pronunciarse pedindo a renuncia inmediata, e a partir dese momento que actúen os trámites ordinarios”.

“A Valedora bótase en brazos dos seus valedores, os do PP. En realidade non temos unha renuncia como tal, senón que temos unha espera para ver que decide Feijóo”, incidiu Villares, quen tamén resaltou que “sería desexable que a Valedora escoitase o clamor parlamentario e social. Á fronte da institución que está ao servizo dos dereitos da cidadanía non pode estar nin un minuto máis unha persoa que vulnerou os dereitos da cidadanía. A sentenza ratificada polo Supremo di que obrou con abuso de poder e con desprezo aos principios de igualdade, mérito e capacidade. Polo tanto non pode seguir un minuto máis, ten que renunciar incondicionalmente”.