Hoxe a Coordinadora de En Marea convocou o Plenario que se desenvolverá o próximo sábado 27 de outubro na Faculdade de Ciencias Económicas e Empresariais de Compostela, e no que todas as persoas inscritas reflexionarán e decidirán o camiño que tomará o espazo do cambio para afrontar as eleccións municipais e europeas do próximo ano, ademais de establecer o calendario e o regulamento para a elección do Consello das Mareas.
O Plenario, segundo aclarou Elena Cores da Coordinadora, se desenvolverá en dúas sesións, de mañá e de tarde e comenzará coa entrega das acreditacións ás persoas inscritas. Logo, chegará a quenda do debate do regulamento do propio Plenario, que dará paso á dación de contas por parte do grupo parlamentar, do grupo confederal e do Consello das Mareas. Tamén pola mañá se debaterá e consensuará o regulamento e o calendario para a elección do novo Consello das Mareas.
Trala pausa para o xantar, iniciarase o debate e aprobación das teses elaboradas polas persoas inscritas durante os pasados Encontros Provinciais e que versaron sobre a situación do estado trala moción de censura e sobre a concurrencia de EM ás eleccións europeas de maio de 2019.
“Estas teses, sometidas ás bases, son produto da participación e das achegas das persoas inscritas nos Encontros Provinciais e que demostran unha vez máis que somos unha organización distinta, que funciona de abaixo a arriba, onde predomina a radicalidade democrática e na que ninguén de fóra pode decidir cara onde imos, só as persoas inscritas”, incidiu a vicevoceira de EM Ana Seijas que subliñou o lema deste proceso participativo, que define moi ben o funcionamento do espazo do cambio: ‘En Marea, Decides Ti’. Seijas tamén precisou que só poderán tomar parte no Plenario as persoas inscritas na web medrando: https://medrando.enmarea.gal
Pola súa banda, o voceiro de En Marea, Luís Villares insistiu en que todas as teses que se debaterán no Pleanario son froito das achegas das persoas inscritas e que, entre outras cousas, propuxeron concurrir ás eleccións europeas buscando alianzas con outros espazos e que se basearán “no respecto á pluralidade, na democratización, na igualdade ou na defensa dos dereitos sociais…”, e que EM dea máis visibilidade as súas actuacións no parlamento europeo.
No eido estatal Villares aclarou que a prioridade é a defensa do cumprimento da Axenda Galega presentada ao Goberno de Pedro Sánchez polo grupo confederal, porque a prioridade de En Marea é sempre “a defensa dos intereses das galegas e dos galegos”.
“En calquera ámbito, na axenda galega do cambio ou nas eleccións europeas, En Marea ten unha responsabilidade coas galegas e coa súa soberanía e esa responsabilidade imos cumprila”, asegurou o voceiro de EM que destacou por último como “valor superior” do espazo a participación, o funcionamento de abaixo arriba, e onde nin houbo orientación de propostas nin de nomes.
Aquí podedes ver o vídeo completo da presentación: https://youtu.be/A_Io1YfPnU4
#DecidesTi #PlenarioEM27O #HaiMarea