En Marea denuncia o inaceptable recorte efectuado pola Xunta de Galicia ao orzamento para investigación do INTECMAR. E insta ao goberno galego a poñer en marcha un plan transversal que solucione as carencias de saneamento e permita acometer a recuperación integral das rías galegas. Así o expresou a deputada Paula Quinteiro logo de que a conselleira do Mar explicase no Parlamento de Galicia o orzamento dese departamento para 2019. Unhas contas continuístas e afastadas das necesidades reais, que non atenden as reclamacións dos traballadores do mar.

En Marea considera intolerable que, en lugar de fornecer recursos suficientes para coñecer as causas das mareas vermellas e aportar solucións á mortandade do marisco, a Xunta opte por recortar as partidas destinadas a investimento do INTECMAR. “É dicir a proxectos que permitan mellorar e incrementar as liñas de investigación do instituto, que pasa dos 912.000€ do 2018 aos 671.000 previstos para o vindeiro exercicio. Un recorte do 33%”.

A formación entende que o goberno galego debe realizar dunha vez unha aposta decidida pola recuperación integral das rías galegas. Nese senso, Paula Quinteiro lamentou que o orzamento de Mar non contemple recurso algún para saneamento, e instou á posta en marcha dun plan transversal neste eido. “Preocúpanos altamente a inexistencia dunha política decidida de saneamento das nosas rías, que se atopan nunha situación moi preocupante, especialmente na desembocadura dos cursos de auga. Sabemos que non é algo que dependa só da súa consellería, pero cremos que o modelo que están levando adiante é insuficiente”, indica a deputada de En Marea. Que tamén califica de burla a partida de 800.000 euros destinada a protección e recuperación da biodiversidade dos ecosistemas mariños.

En Marea denuncia ademais que o orzamento de Mar para o ano próximo non conte con partidas para sufragar os necesarios paros biolóxicos ou as consecuencias derivadas da redución de cotas. Así como o feito de que a Consellería non contemple tampouco as compensacións necesarias para adoptar medidas que permitan aos traballadores do mar obter ingresos cando non se poidan sair traballar por razóns de mal tempo. Demandas, lembra a deputada, que ten efectuado o propio sector.

Sen medios para loita contra o furtivismo
Paula Quinteiro destacou tamén o feito de que, a pesar do acordo unánime recentemente adoptado polo Parlamento de Galicia, o orzamento de Mar non contemple partida algunha para contribuir á loita contra o furtivismo e dotar de vixilancia profesional pública os areais. Non teñen aunciado nada neste sentido. E estamos falando dun acordo unánime”, destaca a deputada. Que tamén denunciou que a Consellería falsee as cifras económicas destinadas a salvamento cun incremento que, na realidade, responde a unha modificación orzamentaria. “Cremos que a suba desa partida ten a ver con unha denuncia traída a este Parlamento por parte do grupo de En Marea, xa que a operatividade e os custes deste servizo durante o 2018 foron sufragados cunha modificación orzamentaria a pesar de que o contrato levaba anos asinado”, indica Quinteiro.

Por último, a deputada quixo destacar tamén o baixo nivel de execución orzamentaria que as contas de Mar tiveron en exercicios anteriores. E instou á conselleira a ter en conta as demandas dos traballadores e a impulsar política acordes ás mesmas. “Moitas persoas tiveron que deixar a actividade nos últimos anos porque non lles garantizaba uns ingresos suficientes cos que subsistir. E moitas outras continúan traballando pero cuns ingresos de miseria”, indica Paula Quinteiro, que lle lembrou á titular de Mar o descenso do número de embarcacións ou permisos de marisqueo a pé, e lamentou un orzamento insuficiente para reverter esa realidade.

DEJA UNA RESPUESTA