Santiago, 19 de outubro  de 2019.-  Luís Villares cualificou o proxecto de orzamentos, presentado esta mañá pola Xunta de Galicia, como unha demostración máis de que actúa o PP de Feijóo: favorecendo aos ricos e desmantelando o estado do benestar, reducindo impostos a quen máis ten e reducindo os servizos imprescindibles para a cidadanía. O Voceiro de En Marea criticou tamén que Feijóo “leva facendo propaganda destes orzamentos e acaba de presentalos sen darllos á oposición e sen deixar tempo para que sexan estudados”.

Tal como explicou Luís Villares na súa comparecencia trala xunta de voceiros, “os orzamentos seguen a liña dos últimos anos e non buscan que a cidadanía galega saia da crise, senón acabar progresivamente co estado do benestar pola vía de baixar os impostos aos ricos e reducir os servizos”. Para demostrar esta situación, Villares sinalou: “agora mesmo Galicia ten un PIB máis grande do que tiña en 2009 en termos de produción de riqueza, pero o orzamento da Xunta é menor”. Concretou Villares que en 2009 “o orzamento da Xunta sobre PIB significaba un 20%, pero con estes orzamentos de Feijóo o orzamento só representa un 15%”. Para o voceiro de En Marea isto significa “menos redistribución da riqueza en Galicia”. “Quen máis gana -sinalou Villares- ganará máis e esa riqueza non é distribuída por medio dos orzamentos da Xunta en forma de servizos como debería ser”.

Este desmonte do estado do benestar “está recollido nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2020”. Villares explicou esta situación a través da rebaixa do impostos anunciada por Feijóo como medida estrela dos orzmentos. Segundo o voceiro de En Marea, o que sinalan os orzamentos é que alguén que “herda do seu pai ata un millón de euros non ten que pagar, pero para nós isto non pode ser así”. “Herdar un millón de euros para unha persoa é unha manifestación evidente de riqueza e nós pensamos que deben tributar pola mesma”. Para o voceiro de En Marea “acabamos de pasar de un mínimo exento de 400.000 euros para fixalo no millón de euros por herdeiro e isto non significa xustiza tributaria”.

Para Luís Villares esta situación de rebaixa tributaria está recollida nos orzamentos da Xunta non só como unha rebaixa senón tamén como unha perda na prestación de servizos. “Todo o mundo quere estradas sen baches e hospitais con médicos, pero Feijóo parece estar sobrado de cartos e perdónalle aos ricos cartos que logo recorta nos servizos básicos para a xente”.

Na mesma liña falou o voceiro de En Marea da “outra falacia” da Feijóo presumiu estes días “a rebaixa de impostos para a adquisición da segunda vivenda no rural galego”. Villares explicou que cos orzamentos diante “xa sabemos en que lugares de Galicia se poderá aplicar esta medida que anuncia Feijóo: en lugares como San Vicente do Grove, A Illa, no Concello de Barreiros.” A pregunta para Luís Villares é clara: “estamos tan sobrados de servizos como para bonificar tributariamente a compra a alguén que ten cartos como para mercar unha segunda vivenda que en realidade vai ser un chalé de verano na costa? Nós pensamos que non, que isto vai a costa dos servizos e que non se debe beneficiar”.

Rebaixa nas taxas do xogo

O voceiro de En Marea tamén sinalou que entre as sorpresas destes orzamentos hai un argumento que contradi todo o que o PP explicou no Parlamento nestes últimos meses. “Encontramos nos orzamentos unha rebaixa nas taxas fiscais sobre o xogo”. Durante os últimos meses o PP “enche a boca dicindo que vai tramitar unha nova lei de xogo que vai protexer aos menores, pero o que encontramos é que en lugar de gravar máis mediante impostos estes negocios parece que a Xunta vai reducir a recadación por este concepto”.

Let’s block ads! (Why?)

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario