En Marea critica a aposta pola contención do gasto que, un ano máis, caracteriza o orzamento aprobado pola Xunta para 2019, e reclama un incremento do gasto social e dos investimentos para que Galicia poida recuperar benestar social. O vicevoceiro, Antón Sánchez, lamenta a liña do goberno de Núñez Feijóo; que no seu afán por priorizar os intereses dos bancos aos das persoas presenta unhas contas que suporán arredor de 120 millóns de euros menos para eidos prioritarios como ensino, sanidade, dependencia ou fomento do emprego.

Para En Marea non resulta nin comprensible nin aceptable que, cando se supón que a crise xa queda atrás, o goberno da Xunta volva apostar por unha liña austericida que prioriza a amortización da débeda en detrimento do benestar social. E é que, tal e como explica o vicevoceiro da formación, o orzamento do goberno galego caracterízase por unhas restricións maiores ás que impoñen as institucións europeas e o estado; “e nós pensamos que é o momento das políticas expansivas para recuperar o terreo perdido e que a saída da crise o sexa realmente para todos”, indica Sánchez, que reclama un maior esforzo e dotación económica para eidos como fomento do emprego, educación, sanidade, dependencia e para dinamizar a actividade económica.

O vicevoceiro de En Marea non pasa por alto todo o sufrimento que os recortes do goberno de Núñez Feijóo xa teñen provocado nos últimos anos. Unha senda centrada nos números coa que, para máis inri, a Xunta de Galicia nen sequera ten conseguido rematar coa débeda.

Para En Marea a proposta orzamentaria que este martes será abordada no pleno do Parlamento de Galicia supón un novo e claro exemplo das políticas do Partido Popular e do goberno galego. Unha aposta pola contención do gasto que unicamente contribúe a afogar a economía galega e que non se ten traducido nunha recuperación do mercado laboral e os nieves de emprego.

“Non é casualidade que Galicia presente o peor comportamento do estado en canto a emprego. Se nos últimos anos no estado se recuperou o 9,1% dos empregos perdidos durante a crise, en Galiza foi só o 5,2%, case a metade. E iso ten moito que ver coas políticas e a escasa execución de gasto da Xunta de Galicia”, indica Antón Sánchez; que destaca os baixos niveis de execución que ano tras ano o goberno galego repite nas partidas destinadas a vivenda, emprego ou medio rural.

O vicevoceiro de En Marea denuncia o afán do presidente da Xunta por converterse no alumno aventaxado no que a xestión da débeda se refire. Así, “ata 2016 non recurriu aos mecanismos de financiamento que proporcionaba o estado, o que significou que durante anos os galegos e galegas tivemos que pagar máis cara esa débeda”, gastando, “millóns e millóns de máis por unha xestión interesada”, e en detrimento doutras áreas.

Antón Sánchez lembra todo o sufrimento que as políticas de recortes e contención do gasto do Partido Popular xa teñen provocado. E é que, tal e como destaca o vicevoceiro de En Marea,  cando Núñez Feijóo chegou ao goberno a Xunta gastaba un 3,4% dos seus orzamentos no pago da débeda. Porén, no 2017 esa porcentaxe incrementos ata o 18%. “Evidentemente, esa diferenza é froito dos recortes en sanidade, dependencia, educación e investimentos en infraestruturas. Un caso escandaloso”, denuncia o vicevoceiro de En Marea.

Deja un comentario