Redacción Galiza

O voceiro de En Marea sinalou que Galicia ocupa o segundo posto do Estado en canto a horas de traballo non producidas o ano pasado por conflitos laborais provocadas pola perda de dereitos e a precariedade laboral.

As mobilizacións dos pensionistas, a folga da Educación desta semana ou a folga indefinida da Xustiza foron algúns dos exemplos que destacou Villares e que asegurou “evidencian o malestar na cidadanía”

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2018.- O voceiro de En Marea, Luís Villares, denunciou a elevada situación de conflitividade laboral e social que está a vivir o noso país que sitúa a Galicia en 2017 no segundo lugar do Estado en canto a perda de horas de traballo a causa de conflitos, so superados por Cataluña. Para atopar cifras similares sería preciso remontarse ao 2009 como salientou Villares, o que deixa en evidencia a existencia dun importante malestar social e laboral.

“O Partido Popular vendeu que a crise quedou superada a crise pero a realidade é que temos igual de riqueza pero peor repartida e a cidadanía perdeu dereitos” declarou o voceiro de En Marea. A reacción na rúa demostra que “a cidadanía non se resigna, non admite que unha vez superada a crise sigan a negar que non van a recuperar os dereitos perdidos”. En Marea ante esta situación está a escoitar á cidadanía as súas reivindicacións e acompañando na rúa ao tempo que artella alternativas reais e as presenta no Parlamento de Galicia.

Esta pasada fin de semana tivo lugar unha nova convocatoria de mobilización dos e das pensionistas do noso país, “unha marea de solidariedade interxeracional”. O voceiro de En Marea lembrou que Galicia mantén as segundas pensións máis baixas do Estado, e os cuartos en cuanto a salarios máis baixos e cunha precariedade que chega ao 89 por cento o que fai imposible remontar e facer viable o sistema de pensións. “Con estas condicións non se poden dar unhas boas contribucións e polo tanto tampouco boas pensión. Compre máis emprego e de maior calidade” explicou Luís Villares. E ante esta situación o Goberno galego en lugar de traballar para dar solución a esta situación, optou por deixar a metade do orzamento dedicado a emprego o pasado ano sen gastar. Faise necesaria por tanto unha reforma do mercado laboral que leve á cidadanía unhas condicións laborais dignas tanto en salario como en estabilidade.

Outra das claves sinaladas polo voceiro de En Marea foi contar cun sistema tributario xusto así como derrogar o factor de sostibilidade, ademais elevar as pensións mínimas para equiparalas ao salario mínimo interprofesional. Neste sentido o voceiro de En Marea asegurou que a Xunta de Galicia pode facer moito como por exemplo poñer a funcionar ao cen por cen a Lei de dependencia ou garantir o acceso a unha venda digna para os xubilados e xubiladas.

Outro bloque de mobilizacións e conflictividade ao que se referiu Villares foi a folga do ensino convocada polo estudantado para o vindeiro xoves 19 de abril entre cuxas reivindicacións piden unha Lei galega de educación para substituír a LOMCE, acabar co financiamento de coles que segregan por sexo ou garantir unha formación de calidade para os profesionais da educación que podan traballar no noso país sen ter que emigrar.

En último lugar, Villares referiuse á folga indefinida da Xustiza que é xa a máis longa da historia da nosa autonomía e que deixou ata o momento 20.000 actuacións xudiciais pendentes. “Esta situación ten un culpable con nome e apelidos que non é outro que Alberto Núñez Feijóo” reiterou o voceiro de En Marea lembrando que o Parlamento de Galicia aprobara por unanimidade antes do inicio da folga que se atenderan as reivindicacións das e dos traballadores da administración de Xustiza polo que “só o presidente, a súa xordeira e a súa cerrazón, son as culpables da situación que se está a vivir na Xustiza”.

“Temos un presidente que non da a cara polas súas decisións como fixo o pasado sábado que tiña previsto acudir a un acto de homenaxe a Alejandro de la Sota pola Academia de Bellas Artes no Teatro Principal de Pontevedra e ao ver un grupo de manifestantes da Xustiza na porta optou por dar a volta e non acudir. “Este é o noso presidente. Galicia non merece un presidente que non da a cara polo seu pais, que non fala cos traballadores e traballadoras. Galicia non merece un presidente covarde” concluíu o voceiro de En Marea.

Deja un comentario