En Marea denuncia a falla de compromiso do Goberno do Estado con Galicia e ínstao a defender a conexión Vigo-Porto

0
39

En Marea denuncia a inaceptable falla de compromiso do Goberno do Estado con Galicia, e ínstao a ter en conta as necesidades da Comunidade e a traballar para favorecer o seu desenvolvemento económico. A formación acolle con estupor a nova que chega dende o Consello de Transportes da Unión Europea, ante o que, contra toda lóxica e incorrendo nun inaceptable agravio comparativo, o Executivo estatal non defendese a inclusión da conexión Vigo-Porto no Corredor Atlántico de Mercadorías.

Hai escasos días a Comisión de Transportes do Parlamento Europeo aprobaba a incorporación da liña Vigo-Porto ao Corredor Atlántico. Dábase, con esa primeira aprobación, un primeiro paso fundamental de cara á materialización dunha demanda que En Marea leva tempo defendendo; e logo da que unicamente quedaba agardar a aprobación definitiva do trazado por parte de Europa, asumindo o Consello da UE dita proposta.

En Marea considera intolerable que, en lugar de apostar de xeito decidido pola defensa dos intereses galegos, o Goberno obvie por completo á Comunidade, deixándoa á marxe da súa defensa ante o Consello de Transportes da Unión Europea. E é que, se ben o Executivo central si defenderá nese foro a ampliacion do Corredor Mediterráneo, non fará o mesmo coa conexión Vigo-Porto, nunha inaceptable mostra de ninguneo, máis grave se cabe logo da boa disposición amosada ao respecto pola Comisión de Transportes do Parlamento Europeo.

Este luns, 3 de decembro, tratouse nunha xuntanza do Consello de Transportes da Unión Europea o documento-proposta sobre a Rede Transeuropea de Transportes que definirá, entre outras, a columna vertebral de dita rede a través da aprobación dos corredores principais que conforman a Rede Básica dentro do mecanismo Conectar Europa, así como do seu financiamento. Un foro ante o que o Goberno de España ten deixado de lado as necesidades de Galicia, obviando a ampliación do Corredor Atlántico que precisa Galicia e centrando a súa defensa unicamente no Corredor Mediterráneo.

Así as cousas, En Marea esixe explicacións ao Goberno español sobre a non inclusión da conexión galega na proposta defendida polo executivo estatal ante o Consello de Transportes da Unión Europea da Rede Transeuropea de Transporte. E anuncia a presentación de iniciativas, tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso, para demandar o apoio á inclusión da liña Vigo-Porto na Rede Básica.

Tal e como destaca o vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, a incorporación da liña Vigo-Porto ao Corredor Atlántico suporía un impulso de vital importancia para o desenvolvemento económico de Galicia. Así as cousas, En Marea insta ao goberno da Xunta a non permanecer de brazos cruzados e a actuar, realizando unha defensa desa conexión á altura das necesidades. Algo que ata o momento o executivo de Núñez Feijóo non ten feito.

“A potenciación do Eixo Atlántico é tan estratéxica como a do Corredor Mediterráneo, e é intolerable que isto se produza”, indica Sánchez, que lamenta a inactividade do Goberno central, así como a connivencia do galego. “Dende En Marea demandamos explicacións aos gobernos galego e español sobre o acontecido”, indica o voceiro, que entende imprescindible que ambos executivos clarifiquen os seus posicionamentos ao respecto.

“A falla de estratexia política do goberno galego a respecto dun tema tan fundamental para o futuro de Galiza é clamorosa, e agardamos, por outra banda, que a insensibilidade do goberno español con respecto ás demandas galegas se abandone”, indica o vicevoceiro de En Marea.

Suscríbete al boletín gratuito de Contrainformación y únete a los otros 814 suscriptores.

Suscríbete al boletín gratuito de Contrainformación y únete a los otros 814 suscriptores.

Dejar respuesta