En Marea denuncia a incapacidade da Xunta para poñer en marcha en data o Plan de Transporte de Galicia

0
17

 

Redacción Galiza | En Marea

O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, denuncia a pésima xestión e os incumprimentos da Xunta en relación ao Plan de Transporte de Galicia. Un documento que, a pesar de estar recollido na Lei de Medidas Urxentes para a actualización do transporte público que entrou en vigor en xullo 2016, o goberno galego ten deixado de lado. “Hoxe estamos no día no que cumpre o prazo de 21 meses que a lei marcaba para a aprobación dese plan; e nen está aprobado, nen ten trazas de estalo pronto”, destaca Sánchez.

O Plan de Transporte de Galicia podía e debía ter sido “unha oportunidade para redefinir o transporte público no país”; prestando especial atención á realidade de áreas metropolitanas como a de Santiago ou a da Coruña; que, de facto, funcionan xa de xeito integrado no que á mobilidade da cidadanía se refire. “Renúnciase a facer unha análise completa para conseguir un deseño único naquelas áreas que poderían xestionarse con fórmulas consorciais”. E é así porque “o PP non quere que se consolide ningunha estrutura que escape ao seu control, e por iso non quere que se artellen solucións conxuntas entre os Concellos para dar mellor servizo aos veciños e veciñas”. Así o explica o vicevoceiro de En Marea, que entende que o feito de non afrontar ese debate supón “unha oportunidade perdida”.

Antón Sánchez pregúntase que é o que ten feito o goberno galego nos case dous anos marcados para a posta en marcha do nomeado plan. Que o día no que remata o prazo para ter aprobado o plan non teñamos contratada nin a empresa que o vai desenvolver supón, tal e como destaca o vicevoceiro, un completo “desastre” que volve deixar clara a “incompetencia” da Xunta de Galicia para traballar a favor das necesidades da cidadanía.

Chegados a este punto, En Marea tilda de “parafernalia” un “plan virtual, que o que pretende é agochar o recorte deste servizo. En vez de facer un plan para o século XXI, capaz de mellorar o transporte en Galicia cun horizonte a 20 anos, o que se está facendo é ver o mellor xeito de practicar recurtes”, critica Sánchez. Nesa liña, o vicevoceiro destaca a “incompetencia” do executivo autonómico á hora de elaborar medidas efectivas para a integración das diferentes liñas; e pregúntase “que vai asumir as responsabilidades políticas por este desastre”.

Dejar respuesta