A veciñanza de Touro está a recibir as notificacións do CATASTRAZO, a regularización catastral pola que a parte de pagar unha taxa de 60 euros por inmoble, incorpóranse ás obrigas tributarias do Imposto de Bens Inmobles as construcións existentes nos núcleos rurais, todo tipo de pendellos, hórreos, cortes, na súa maioría construcións agrarias sen actividade.

Fronte a esta “eficacia” recadatoria cara o contribuínte do común, a Administración permite ao propietario da Mina de Touro a evasión fiscal do Imposto de Bens Inmobles. Resulta, que dos miles de metros cadrados de superficie construída de naves industriais que este propietario ten nos terreos mineiros no concello de Touro, só ten declarada unha ridícula construción de cento sesenta e cinco metros cadrados.

O goberno de Touro (Ignacio Codesido, PP) ao tempo que permite a evasión de tributos a Explotaciones Gallegas, fai disposición do diñeiro público para pagar os estragos dos vertidos e lodos que chegan da mina ás rúas de Fonte Díaz e acaban por entullar a rede de saneamento tal e como denunciou recentemente a asociación Aldea Viva.

En Marea Touro vai poñer os feitos en coñecemento do órgano supervisor de Contas, ante o desleixo do rexedor con resultado gravoso para as arcas públicas.

Deja un comentario