En Marea denuncia o fracaso da política industrial da Xunta, que supuxo a perda de 50.000 empregos desde 2008

0
20

En Marea denuncia o fracaso da política industrial da Xunta de Galicia e o seu absoluto desleixo ao respecto. E é que, mentres que a Comunidade continúa padecendo unha moi preocupante sangría do seu tecido industrial, con 50.000 empregos destruídos na última década; o goberno galego opta por desentenderse da situación reducindo case á metade o orzamento destinado a políticas de emprego.

Mentres que no conxunto do estado o tecido industrial gañou máis de 60.000 postos de traballo industrial no último ano, en Galicia a tendencia foi a inversa: destruíronse 8.500. Unha preocupante tendencia ante a que a Xunta non está a actuar con contundencia. E é que, tal e como denunciou o deputado Francisco Casal este venres, logo de que o conselleiro de Industria explicase o orzamento do seu departamento para 2019 no Parlamento, dende a chegada do Executivo Feijóo a partida para políticas de emprego tense reducido case á metade; pasando dos 421 millóns de euros orzamentados en 2009 aos 263 actuais. Unha redución que resulta aínda máis sangrante ao observar o nivel de execución orzamentaria, que se situou entre o 54% e o 71% nos últimos anos, deixando sen executar un total de 756 millóns de euros entre 2011 e 2017.

“A mellor proba do fracaso da súa política industrial é a evolución do emprego. Nunca na historia ningún Goberno en Galicia tivera un balance tan negativo.Destrución de emprego que non é algo do pasado, porque a EPA recén coñecida dá un dato moi preocupante: no último ano en Galicia volvéronse a destruír 8.500 empregos industriais, mentres que no resto do Estado a industria xerou máis de 60.000 postos de traballo. Como explica este diferencial tan negativo para o nos país?”, inquire o deputado de En Marea.

A situación resulta dobremente preocupante, pois á dramática destrución do tecido industrial e dos postos de traballo súmase a crecente precariedade. “Os datos non poden ser máis desalentadores” indica Casal, que destaca que o 91% dos contratos subscritos no último ano foron temporais, “cun índice de rotación, é dicir, número medio de contratos asinados nun ano por cada traballador de 4,21, e crecendo”.

Pero onde as estadísticas son máis demoledoras é no que se refire á aos menores de 30 anos, entre os que o índice de temporalidade chegou ao 63,4%. “Quen pode facer proxectos de futuro con estes datos, como vai medrar a natalidade en Galicia?”, pregunta Francisco Casal.

En Marea destaca que, de xeito paralelo, tamén o índice de producción industrial ten sufrido un preocupante descenso. “En 2008 estabamos nun índice de 140,071, e no que vai de 2018 situámonos no 110,054. É dicir, perdemos 30 puntos na evolución histórica”. Un descenso que contradí a tendencia xeral no conxunto do estado, onde a industria está a experimentar unha recuperación que continúa sen manifestarse en Galicia coa contundencia axeitada.

Francisco Casal destaca a relación entre este panorama e o desaforado encarecemento da enerxía, que deteriora a competitividade das empresas e resulta, ademais, inasumible para unha gran parte dos fogares galegos, entre os que tamén se incrementa a porcentaxe de unidades familiares en risco de pobreza enerxética.

“De novo o Goberno da Xunta amósase totalmente insensible coa pobreza enerxética que sofren mais de 400.000 persoas en Galicia, segundo o IGE. Xa fai uns meses impediu que se debatira neste Parlamento a Proposición de Lei de En Marea para paliar a Pobreza Enerxética, e agora dotan as axudas con 1,3  millóns de euros, o que só dará para axudar a unhas 3.000 familias. Compare este obxetivo coas 400.000 persoas en pobreza enerxética. Iso si, dotan 2,4 millóns para desenvolver un ecobarrio. Onde? En Ourense, para que o seu alcalde poida ter unha baza electoral orfo como está de realidades que presentar aos seus cidadáns”.

Reclama máis investimento para I+D+I
En Marea ve necesario que o goberno galego realice, ademais, un maior esforzo inversor no que se refire ao fomento da innovación. “Pensa o conselleiro que unha economía pode avanzar e ter futuro cun investimento público en I+D+i do 0,28%?”

O deputado tamén denunciou o nulo investimento previsto para transición enerxética. “Non hai nin un euro orzamentado para paliar e prever as súas posibles consecuencias e as transformacións que se van producir. Parece que a Xunta pensa ésta vai pasar de largo en Galicia. Non pensa a Xunta de Galicia que as políticas europeas de transición enerxética van a afectar as comarcas de As Pontes e Meirama antes ou despois? Non considera que hai que ir desenvolvendo políticas, estratexias e inversións para afrontalas con tempo e con espectativas de éxito futuro?”, indica Francisco Casal.
O deputado tamén denunciou o recorte dun 32% do orzamento destinado a políticas de desenvolvemento empresarial; “é dicir, o apoio á modernización, internacionalización, mellora da competitividade, innovación e productividade empresarial”. “Renuncien a seguir coa austeridade, incrementen os orzamentos como lles permiten o Estado e a UE e doten os orzamentos desta Consellería de polos menos 100 millóns de euros máis”, reclama Casal.

Brutal descenso do orzamento de vivenda: de 162 millóns en 2010, a 83

En Marea tamén denunciou este venres no Parlamento a nefasta políca de vivenda e medio ambiente da Xunta de Galicia. Un desleixo que evidencia a falla de sensibilidade do goberno autonómico cos problemas reais da cidadanía e a súa xestión pensada para favorecer os intereses de bancos e grandes empresas.

“Reformaron a LAU para reducir a estabilidade dos arrendatarios, reducindo de 5 a 3 anos a duración minima do contrato de aluguer. Deron ventaxas fiscais aos fondos buitre para investir en vivenda para aluguer. Negáronse a cumplir simplemente a Lei de Facendas Locais para que os concellos que quixesen facelo non puidesen aplicar un recargo ás vivendas baleiras de grandes posuidores. Rescataron bancos e adquiriron con diñeiro público miles de vivendas que as entidades bancarias non querían, pero non as utilizaron para axudar á xente que as necesitaba. Permitiron coas súas decisións o que está acontecendo en Cambre, na Patiña. Pero o que nos faltaba por ver era que practicaran a coaccción e o hostigamento cunha anciá de Ourense, inquilina de renda antiga, para tratar de botala da súa vivenda nun edificio da Xunta de Galicia. 2 altos cargos declararán como imputados ante unha querela da Fiscalía”, denuncia Antón Sánchez.
O vicevoceiro de En Marea foi o encargado de lembrarlle ao titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a súa nefasta xestión e a distancia cada vez maior existente entre os recursos que a Xunta dispón para vivenda e os dos países europeos verdadeiramente preocupados por garantir este dereito.

En Marea considera intolerable que no 2016 a Xunta executase únicamente o 15% do Programa de Rehabilitación de Vivenda. Así como que deixase sen utilizar 3 dos 5 millóns orzamentados no seguinte exercicio. Ademais, en 2017 “o programa estrela deste goberno para mobilizar a vivenda baleira executou 10.499 euros dos 300.000 orzamentados, un “exitoso” 3,2% que deu como resultado a posta para aluguer de 16 vivendas dentro dos 53 concellos adheridos”, lamenta o vicevoceiro.

Para En Marea resulta intolerable que a Xunta deixase igualmente sen executar unha importante porcentaxe dos recursos destinados ao Programa Aluga: o 80%. Unha nefasta xestión que se extende tamén ao Bono Aluguer Social, cuxo orzamento o goberno galego executou só nun 64%.

“A vostedes nunca lles interesou defender o dereito á vivenda fronte á vivenda como negocio. No ano 2010, segundo datos do IGE, iniciáronse en Galiza 2.900 vivendas de protección, no 2015 5 e no 2016, 4. A unha distancia sideral da media estatal, entre 35 e 50 veces menos. A política liberalizadora do mercado do solo e da vivenda, a rebaixa na porcentaxe de edificabilidade destinada a Vivenda Protexida, expresada na lei 8/2012 de vivenda de Galiza, o abandono do IGVS das políticas de construción de vivenda protexida, ou a baixísima execucción, ano tras ano dos orzamentos destinados a vivenda, derivan nun mercado no que pouco mais do 4% do total de vivendas son protexidas, menos da metade da media estatal. Un fiasco sin paliativos”.

Política ambiental supeditada aos intereses económicos e empresariais
O vicevoceiro de En Marea denunciou tamén o fiasco que supuxeron as políticas do goberno galego en materia medioambiental. Un eido que para o goberno galego semella non ter máis importancia que o rédito económico que del poida extraerse. “Esta é unha Consellería supeditada completamente á de Economía e industria, á Dirección de Enerxía e Minas e ás mineiras e eléctricas. Barra libre para as empresas que agreden o medio ambiente. As denuncias do Defensor do Pueblo pola situación das louseiras en Valdeorras, da Valedora pola mina de Touro, ou da Fiscalía polo caso das minas de San Fins, así o atestiguan. As mineiras e eléctricas márcanlles o paso a este goberno”, critica Antón Sánchez, que debullou tamén as reiteradas promesas incumpridas nesta área.

O vicevoceiro de En Marea lembrou que, a pesar do seu compromiso de sacalas adiante, a Xunta de Galicia aínda non teña aprobado as Directrices da Paisaxe, que aportarían garantías ambientais que actualmente non existen á hora de permitir a implantación de parques eólicos ou minas. Igual que sen cumprir quedou a comprometida ampliación da Rede Natura; o borrador da Estratexia de Cambio Climático e Enerxía, a Lei de Patrimonio Natural; o Plan Director de Ríos de Galicia; a Oficina Técnica para a Promoción e Coordinación do Pacto dos alcaldes polo clima e enerxía de Galicia; o Plan de adaptación das costas galegas ao cambio climático; a nova Lei de Residuos;ou os Plans de recuperación, protección e conservación de especies ameazadas. A Xunta de Galicia regulou cun Decreto o seu Católogo de especies ameazadas. Sen embargo, das 74 especies en vías de extinción únicamente 2 contan con plans de protección”.

Dejar respuesta