En Marea continúa priorizando na súa axenda política a atención sanitaria digna e de calidade e nesa liña de traballo, as deputadas Paula V. Verao e Flora Miranda, presentaron esta mañá en rolda de prensa a Estratexia Nacional de Coidados, que implica unha campaña por todo o país con visitas a centros da terceira idade públicos e privados. Durante a súa intervención, Flora Miranda cualificou o novo Plan de Atención Primaria presentado polo SERGAS como «un burdo intento de desmobilización profesional que transloce un mero interese cosmético da administración sanitaria do Partido Popular pola Atención Primaria, e por extensión pola sanidade pública galega». Proba disto é, para En Marea, que os grupos de traballo creados con premura pola Consellería «nin son representativos nin foron escollidos polos profesionais de Atención Primaria».

«Non hai ningún compromiso que non leve asociado un orzamento», lembrou a parlamentaria de En Marea, engadindo que a única aposta verosímil pola Atención Primaria debe partir dunha dotación orzamentaria necesaria e suficiente para a súa dignificación e non constatamos esa vontade no plan publicitado onte pola Consellería». Para En Marea o desleixo pola Atención Primaria nos últimos anos do goberno do PPdeG aprézase  ben no orzamento que lle destina, «un 12,6%, quedando en áreas coma a de Vigo en pouco máis dun 11%, cando os organismos internacionais estiman que o orzamento digno para Atención Primaria debería situarse nun 25%, mentres están sendo desviados a infraestruturas hospitalarias nas que se deriva a fondos privados»

«No plan é clamorosa a ausencia de concreción de melloras que dignifiquen non só a prestación asistencial en atención ordinaria, senón as condicións laboráis doutros colectivos mobilizados, como as médicas e médicos novos eventuais Médicas Precarias e as e os profesionais dos Puntos de Atención Continuada», denunciou Miranda.  «A creación dunha Dirección de Atención Primaria en cada área non é o que as profesionais reivindican, non hai ningunha alusión concreta ao necesario aumento de prazas de médicas de familia, non contaron con colectivos como as matronas, relégase o colectivo de enfermeiría como se foran profesionais subsidiarias do traballo das médicas», son algunhas das carencias do plan que enumerou a deputada de En Marea.

En Marea traslada tamén o apoio á grande mobilización profesional que se está dando no sector sanitario galego, «que non están reivindicando melloras salariais nin máis vacacións, senón que están a realizar un exercicio de compromiso e responsabilidade, que inclúe aos profesionais de atennción ordinaria, ás dos PACs e ás plataformas de médicas precarias, así como todas as categorías profesionais.

Estratexia Nacional de Coidados
En Marea vai reforzar este ano as liñas de traballo de atención á terceira idade en Galicia, co desenvolvemento dunha Estratexia Nacional de Coidados que contempla a solicitude de visitas a residencias públicas e privadas, ademais de reclamar un aumento das inspeccións por parte dsa Xunta. «Non se pode mesturar nos centros residenciais de maiores a persoas  con trastornos mentais, sen aumentar o persoal nin crear unidades específicas», sinalou a deputada Paula V. Verao.

«A resposta vén da man de máis investimento público e de xeración de empregos dignos no sector, do deseño dunha Estratexia Nacional de Coidados que implique unha dimensión comunitaria, servizos sociais comunitarios ben dotados, servizos de proximidade, Atención Primaria con función de prevención e educación en saúde, contando con Traballo Social nos centros, e cambiar o modelo de macronegocios modelos de economía colaborativa», engadiu a parlamentaria de En Marea.

Verao denunciou que somos unha das comunidades do Estado nos que as persoas maiores están peor tratadas, pola falta de desenvolvmento real das prestacións da Lei de Dependencia. «Día tras día chegannos ao grupo chamadas de socorro de persoas ás que as prestacións lles tardan anos», indicou a deputada, que tamén esixirá medidas de conciliación para os coidados, «pois cada día aumenta o número de persoas, sobre todo mulleres, que tiveon que reducir a súa xornada laboral para coidar a dependentes».

DEJA UNA RESPUESTA