En Marea critica os novos recortes que o Partido Popular na Xunta ven de impoñer á educación pública galega. A formación denuncia o peche de escolas unitarias, aulas e unidades educativas en centros de infantil e primaria que o goberno galego ven de anunciar. Unha medida que supón un novo ataque á rede de centros da Comunidade e que o executivo de Núñez Feijóo perpetra pola porta de atrás, aproveitando o verán para tentar eludir calquera oposición.

A Xunta ven de anunciar o peche de dúas novas escolas unitarias; así como dun total de 74 clases ou unidades en colexios galegos. Un recorte que supón un novo atentado contra o sistema educativo de calidade que En Marea quere para Galicia. “A obriga do goberno galego é garantir o acceso á educación en igualdade de condicións con independencia do lugar onde se viva” lembrou a deputada Ánxeles Cuña.

A formación entende que a falla de alumnos en ningún caso debe servir de excusa para xustificar a merma de recursos educativos da rede pública. E solicita o mantemento duns elementos básicos para contribuir á conciliación das familias e fixar poboación no rural.

“A escola rural é un símbolo da nosa identidade e hai que respetala e ter un compromiso real con ela para o que é preciso un plan específico para o rural en Galicia” afirmou Ánxeles Cuña.

Deja un comentario