As axudas do Plan Hurbe da Xunta de Galicia favorecen descaradamente aos Concellos do Partido Popular e discrimina ao resto dos concellos galegos que non están gobernados polo PP. As cifras deste plan non deixan dúbidas sobre como o PP favorece aos concellos nos que goberna: mentres o PP goberna no 52,71%, o número de concellos do PP favorecidos por este plan supera o 90%. O voceiro de En Marea denunciou en Lugo unha demostración máis da corrupción sistémica do Partido Popular que se manifesta en case todos os niveis nos que opera o partido que preside en Galicia Alberto Núñez Feijóo. Luís Villares sinalou na súa comparecencia no local de Lugonovo que este sistema de funcionamento é o que permite “dopar aos concellos galegos do Partido Popular para as próximas eleccións municipais”.

O voceiro de En Marea explicou cal é o sistema que segue o PP no deseño e concesións destas axudas. Para Luís Villares “queda claro vendo as cifras da gráfica (ao final deste correo) que só hai un xeito de conseguir que o 90% dos concellos que obteñen axudas deste plan estean gobernados polo PP”. Engade Villares que é “un xeito corrupto, sectario e caciquil, o xeito habitual do PP, o mesmo da Gürtel e o mesmo que leva utilizando en Galicia”

Na conclusión do proceso de axudas do Plan Hurbe xa hai unha demostración de como opera o PP favorecendo aos seus concellos e castigando ao resto dos que solicitaron axudas. Pero xa na súa tramitación o xeito de operar da Xunta de Galicia prantexou problemas para que todos os concellos se presentasen nas mesmas condicións.

O Plan Hurbe foi anunciado no seu día coa intención de humanizar as vilas galegas. Nesta última edición a disposición cronolóxica das propias axudas xa facía difícil unha participación ampla polo restrictivo dos prazos e a case inexistente marxe entre a convocatoria das axudas e o momento en que se esgotou o crédito para as mesmas. A Xunta firmou a resolución destas axudas o 15 de xuño de 2016. A publicación no DOG realizouse o 20 de xuño, pero o crédito para estas axudas esgotouse o día 21 de xuño, ao día seguinte de ser publicado no DOG. Posto que esta é unha axuda que se concede ata completar o crédito previsto, a rapidez en facer a petición é unhas chaves para conseguir as contías pedidas.

Segundo Villares “só hai un xeito de que os concellos poidan presentarse a estas axudas antes de que se esgote a partida, estando avisados de antemán”. Engade o voceiro de En Marea que “o mesmo deseño das axudas, que non son en concorrencia competitiva favorece este sistema caciquil”. O 90% dos concellos do PP que conseguiron a axuda cando este partido só goberna no 52% dos concellos galegos “sinala moi ben cal é o sistema corrupto dos populares, pero ademais hai que explicar que este é un sistema de axudas que se convoca xustamente o ano anterior ás eleccións municipais para sufragar proxectos de obras de humanización en vilas”. Con estes datos, asegura Villares “non podemos crer nas casualidades”.

En total, 94 concellos galegos solicitaron axudas do Plan Hurbe con esa marxe de tempo. Dese total, 63,08% eran do Partido Popular e o 36,89% do resto das formacións políticas. A cifra é claramente favorable ao PP, sobre todo se se ten en conta que o PP goberna no 52,71% dos concellos de Galicia. Pero se se atende á cifra de concesións, a desproporción ao favor do Partido Popular é completa.

A Xunta concedeu axudas do Plan Hurbe a 43 concellos galegos. Deles, son 39 os gobernados polo PP e só 4 doutras forzas políticas. Isto quere dicir que o 90,69% das axudas concedias a través do Hurbe foron directamente a parar a concellos do PP e só o 9,29% ao concellos gobernados por outras forzas políticas.

Deja un comentario