A Xunta de Galicia pretende privatizar a xestión do urbanismo e das expropiacións, segundo se desprende da enésima modificación da Lei 2/2016 de Solo de Galicia. A Xunta utiliza a Lei de acompañamento para introducir na Lei do Solo de hai dous anos un artigo, o 117 Bis que, na práctica supón a privatización da xestión urbanística e dos procesos de expropiación.

“Desde En Marea vemos con sorpresa -segundo explicou o vicevoceiro parlamentario, Antón Sánchez- que en pouco máis de dous anos se introduza a enésima modificación e neste caso para privatizar algo de tantísima importancia como os procesos urbanísticos e de xestión das expropiacións”.

Segundo explica Sánchez “Pola porta de atrás rescátase perversamente algo semellante ao sistema de concesión de obra urbanizadora presente na LOUG 9/2002, e que se suprimiu na Lei 2/2016”, Sinala o vicevoceiro que “é algo semellante” pero que en realidade “vai moito máis alá nas ansias privatizadoras no urbanismo”. “Estamos afeitos ás ansias privatizadoras do PP nos servizos públicos, sanidade, ensino ou dependencia, pero vemos como esas ansias cegan agora ao feito da actividade urbanizadora”.

A novidade que pretende introducir o PP pola porta de atrás significaría un cambio radical na maneira en que se xestiona tanto o urbanismo como as expropiacións.  Ata o de agora no sistema directo de expropiación quen xestionaba era a administración pública e tamén quen se encargaba de xestionar a reparcelacións e a urbanización dos terreos. Pero todo isto cambiará se se aproba nos termos que redactados na Lei de acompañamento. Nestes termos poderá ser unha empresa ou unha persoa física quen tramite e execute os procesos de expropiación. Isto supón unha grande coincidencia coa figura polémica do “axente urbanizador” dos piores tempos do urbanismo do Partido Popular en Valencia.

Os termos que se introducen a través da Lei de acompañamento suporán tamén que no sistema de expropiación unha empresa privada, concesionaria do sistema, non so executaria as obras urbanizadoras senon que asumiria como axente urbanizador a totalidade de xestión do ámbito, mediante un convenio urbanístico coa administración”. En Marea oponse de maneira radical a este cambio polo que supón de privatización, de desprotección dos intereses da cidadanía e porque afonda nas políticas ultraliberais do goberno Feijóo.

Acompañamos texto dos cambios que se pretenden:

“Artigo 117 bis. Modalidades de execución das actuacións no sistema de expropiación 1. A administración expropiante poderá utilizar, para o desenvolvemento da actividade de execución das actuacións no sistema de expropiación, todas as modalidades de xestión directa e indirecta admitidas pola lexislación de réxime xurídico, de contratación das Administracións Públicas, de réxime local e de ordenación territorial e urbanística.
2. Será aplicable a lexislación de contratos do sector público cando a modalidade de xestión do sistema de expropiación elixida supoña a adxudicación de contratos de obras ou de concesión regulados na indicada lexislación.


3. Así mesmo, de acordo cos principios de transparencia, publicidade e concorrencia, poderá atribuírse a condición de beneficiario da expropiación a persoas naturais ou xurídicas, para que adquiran a propiedade de todos os bens e dereitos incluídos no ámbito de actuación, aboando o seu xusto prezo, e executen as obras de urbanización.


Nos concursos públicos que a tal efecto se convoquen poderán presentar ofertas calesquera persoas físicas ou xurídicas, interesadas en asumir a xestión da actuación, incluídos os propietarios que formen parte do correspondente ámbito. A tales efectos, estes deberán ben constituír unha entidade urbanística de xestión, que terá natureza administrativa e duración limitada á da actuación, ou ben constituír unha sociedade mercantil ao efecto.
Os concursos públicos poderán ser convocados unha vez que se aprobe definitivamente o planeamento que conteña a ordenación detallada. A convocatoria deberá publicarse como mínimo no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.


As bases do concurso determinarán os criterios aplicables para a súa adxudicación, debendo terse en conta, en particular, aqueles que produzan un maior beneficio para a colectividade no seu conxunto e favorezan a atracción do investimento e creación de emprego.


As bases do concurso público fixarán os dereitos e as obrigas do beneficiario da expropiación, que actuará ao seu risco e ventura, e que comprenderán en todo caso os deberes de executar a urbanización e efectuar as cesións obrigatorias establecidas nesta lei. En particular, as bases establecerán:


a) As obras e instalacións que o beneficiario debe executar e os seus prazos, expresando as que han de entregarse á Administración.


b) As garantías a prestar polo beneficiario que aseguren a execución completa e en tempo e forma das súas obrigas, incluído o aboamento dos xusto prezos e a realización da urbanización, das obras e das instalacións que debe executar.


c) Deberes de conservación das obras e instalacións ata a súa entrega.


d) Os factores a ter en conta para a fixación dos prezos de venta, no seu caso, dos soares resultantes da actuación.

e) As relacións entre o beneficiario e os propietarios de terreos no ámbito de execución do plan e entre aquel e os adquirentes de soares edificables, ata tanto se execute totalmente o plan.


f) As penalidades por incumprimento e demoras.


g) As causas de incumprimento e resolución do convenio urbanístico e as súas consecuencias.
A adxudicación do concurso determinará a formalización coa persoa ou entidade que presente a oferta máis vantaxosa do correspondente convenio urbanístico, que se rexerá polo disposto nesta lei e no que se determinarán, de acordo coas bases e a proposta adxudicataria, os termos e as condicións da xestión e da execución do planeamento, de acordo sempre coas previsións e determinacións deste.


O adxudicatario poderá incorporar á xestión urbanística, en calquera momento e nas condicións que libremente pacten entre si, a calquera dos propietarios de solo, previa solicitude á Administración actuante e resolución por esta da exclusión da expropiación dos bens correspondentes, de acordo co artigo 119.”

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario