Encontro

A deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao, defendeu a recuperación do papel transformador do investimento público para atallar e reverter a situación de implosión demográfica de Galiza que como destacou “non se trata dunha maldición inexorable senón dun síntoma, consecuencia dun colapso xeral do país”. “Fronte á deixadez do Goberno Feijóo, que cada vez achica máis os orzamentos, que representan cada vez menor porcentaxe do PIB de Galiza, mentres os xuros da débeda é a partida que máis medra, En Marea defendemos firmemente a recuperación do papel transformador do investimento público, dentro das posibilidades que ofrecen as institucións” remarcou. Nesta liña considerou imprescindible establecer unha rede de escolas infantís publicas para a etapa de 0 a 3 anos e apostar pola ampliación dos permisos de maternidade e paternidade.

Como xa ten sinalado o grupo parlamentario de En Marea “a poboación galega actuou e segue a actuar como exército de reserva de man de obra”. Continúa a emigración e esta ten un efecto demoledor para a taxa de fecundidade. Así, temos unha “estrutura poboacional cun escaso peso dos grupos de idade potencialmente fértiles, fronte a un elevado peso dos grupos de persoas de idade máis avanzada. Galicia perdeu case 4.500 persoas en idade de traballar e de ter fillos (entre 25 e 34 anos) entre 2010 e 2016.

“O grupo de poboación con maior incidencia nas taxas de fertilidade, aquel comprendido entre os 25 e os 39 anos foi medrando de modo progresivo ate acadar o seu máximo en 2008, con 642.690 persoas. A partir deste punto comeza un acentuado declive consecuencia tanto da redución de efectivos a consecuencia da caída da natalidade en xeracións anteriores como, sobre todo, da emigración de persoas mozas a causa da ausencia de suficientes oportunidades en Galiza. O resultado é que a fertilidade galega se atopa, con 1,13 fillos por muller, entre as máis baixas do planeta” alertou Vázquez Verao.

A isto engádeselle a cada vez máis descompensación territorial costa-interior. En Marea está dende a súa creación participando no Observatorio Demográfico, dende unha postura crítica, pois a crise demográfica do país o que máis precisa non son máis análises, senón decididas actuacións. Aínda así, aproveitamos esta oportunidade para achegar a nosa visión e traballar cos datos que manexa o Observatorio. Así, na actualidade están a desenvolver a súa labor os grupos de traballo con expertos e expertas economistas e sociólogas. “Este organismo ten previsto un pleno proximamente, ao que iremos con pouca esperanza, na medida en que semella que as deliberacións e o guión seguido polo Observatorio non parece que vaia propoñer cambios estruturais reais na política do Goberno galego” lamentou.

Entre os factores que condicionan a baixa natalidade está a desigualdade das mulleres, no plano do traballo remunerado e no traballo de coidados. En definitiva, a división sexual desigual do traballo. Para eliminar esta desigualdade hai que adoptar políticas transformadoras en ambos os dous planos. No eixo do emprego remunerado feminino, para eliminar a fenda salarial. Para iso, En Marea aposta pola das reformas laborais regresivas. Canto menos, a de 2012: este debe ser un obxectivo prioritario e urxente do novo goberno de España. “Os votos de En Marea cun si á moción de censura foron votos cun si á derrogación da reforma laboral, que tan lesiva resultou para a clase traballadora galega e, especialmente, para as mulleres” remarcou.

Para eliminar esta desigualdade hai que adoptar políticas transformadoras en ambos os dous planos.

“É unha evidencia, á luz dos datos, que a maternidade penaliza no mercado laboral. Fenda salarial que tamén propicia a propia Xunta, contratando servizos con empresas que tratan desigualmente ás mulleres” denunciou Vázquez Verao que salientou tamén a necesidade de actuar tamén no eixo do traballo de coidados, tanto para socializalos como para desenvolver sistemas de servizos públicos potentes.

Un elemento fundamental para a conciliación son os centros de ensino infantil de 0 a 3 anos pública e gratuita. En Marea, ademais, defende o seu importante papel educativo. “Un elemento central do pacto da maioría honrada deste país, que debemos aspirar a botar a Feijóo e ao PPdG, representantes da mesma corrupción do PP a nivel xeral, é o pacto pola conciliación real” manifestou.

Así apostan por unha rede pública e gratuíta de escolas infantís de 0 a 3 anos e a consecución de permisos de maternidade e paternidade cada vez máis alongados e iguais. Combinar estes dous elementos é fundamental para a conciliación e para posibilitar ás distintas unidades de convivencia ter as crianzas que desexen.

“En Marea non renunciamos a unha rede pública, e así o plasmamos nas nosas emendas aos Orzamentos e expresamos que este plan de construción dunha rede pública de escolas infantís, estendida a todo o territorio, debe ser un dos eixos do goberno alternativo que estamos en condicións de ofrecer a oposición a Feijóo que En Marea lidera” aclarou Paula Vázquez Verao.

“As garderías de empresa son un recurso fundamental, pero para que funcionen ha de facerse de acordo cos axentes sociais, de xeito planificado, non basta cunha orde de axudas»

Na actualidade, as escolas infantís son o servizo social máis demandado, a demanda non deixa de medrar. Esta oferta non é homoxénea no territorio, habendo zonas con prazas libres e outras cun acusado déficit de prazas en escolas infantís, como as cidades de Lugo ou Vigo. Ademais da falta de oferta de prazas públicas en relación á crecente demanda, estase apostando por consolidar o modelo de concerto e privatización, a través do bono concilia e nin sequera o bono concilia cubre a demanda.

Ademais, este bono concilia, en lugar de ser usado como un mero recurso temporal mentres non se amplíe a rede pública, é utilizado como favorecedor da implantación de escolas infantís privadas. Deste xeito, a Xunta tende a copiar o modelo de ensino concertado tamén no ensino infantil, coa idea do suposto dereito á liberdade de escolla de centro, o que nin sequera é real, porque non hai prazas suficientes.

A deputada de En Marea falou tamén do fracaso da implantación de escolas infantís en polígonos industriais. En 2016 prometérase construír 7 garderías en polígonos industriais cunhas 400 prazas, mesmo Feijóo prometera como obxectivo telas en todos os polígonos, pero á convocatoria destas axudas para 2016-2017 só se acolleron dous proxectos: Río do Pozo en Narón e Polígono da Tomada, na Pobra do Caramiñal. Neste ano 2017, ao volver sacar a Orde de axudas, a Xunta prometeu 287 prazas neste tipo de garderías, pero o ritmo e a falta de éxito da iniciativa o ano pasado, non apuntan cara aí: só se acolleron dous proxectos, o da Tomada, novamente, e un en Mos. “As garderías de empresa son un recurso fundamental, pero para que funcionen ha de facerse de acordo cos axentes sociais, de xeito planificado, non basta cunha orde de axudas» afirmou.

Respecto as casas Niño salientou as dúbidas sobre a viabilidade das mesmas máis aló de 2019 e a falla de proxecto global. “A rede pública tamén debe garantir o dereito recoñecido estatutariamente a coñecer a lingua galega, algo que, de facto, non se garante, pola escasa presenza do galego no ensino infantil» engadiu Vázquez Verao.

Outro aspecto limitante en canto ao acceso a escolas infantís é a suba de prezos, que se actulizan co IPC cando as rendas das familias se estancaron ou caeron, sobre todo das máis baixas. Por este motivo En Marea reclama un cambio nas taxas que aumente as exencións a familias que teñan menos de 12.000 € de renda ao ano, namentras non temos un sistema universalizado de prazas públicas. Ademais, o baremo para a adxudicación de praza non é todo o xusto coas familias con menos recursos, cómpre potenciar máis na adxudicación de puntuación a quen ten poucos ingresos. Namentras non haxa unha rede pública, habería que matizar o baremo de adxudicación de prazas.

“O PP rexeitou as nosas iniciativas que reclamaban  presenta un plan, acompañado de plan orzamentario, que permita garantir a gratuidade total do ensino de 0 a 3 anos, de xeito progresivo pero en En Marea non renunciamos a unha rede pública, e así o plasmamos nas nosas emendas aos Orzamentos e expresamos que este plan de construción dunha rede pública de escolas infantís, extendida a todo o territorio, debe ser un dos eixos do goberno alternativo que estamos en condicións de ofrecer a oposición a Feijóo que En Marea lidera» concluíu Paula Vázquez Verao.

DEJA UNA RESPUESTA