Fronte á cultura machista da violación, En Marea e o Grupo Confederal rexistraron e presentaron este mércores a Proposición de Lei de Protección Integral da liberdade sexual e para a erradicación das violencias sexuais.

A deputada de En Marea Ángela Rodríguez, que foi unha das coordinadoras na elaboración da lei, participou na presentación xunto a varias deputadas do Grupo Confederal e a catedrática de dereito penal da Universidade da Coruña, Patricia Faraldo.

Esta lei recolle medidas que teñen que ver coa modificación do código penal, pero tamén múltiples medidas para a prevención, asistencia, protección, detección, acompañamiento e reparación ás vítimas das violencias sexuais”, sinalou a deputada.

Ángela Rodríguez- Pam incidiu na idea de que “a mellor política de seguridade son as políticas feministas” e que “só unha relación sexual desexada é aquela que é consentida, polo que esta cultura do pacto e o consenso na relación sexual é o que queremos defender e lexislar”.

Máis alá dunha relación sexual consentida “estaríamos falando dunha agresión sexual”.

Sen embargo, a deputada de En Marea matiza que a “a falta de consentimento xa era un requisito para que estivésemos ante un delito de agresión sexual, o novedoso é que eliminamos a resistencia activa como requisito, é decir, da igual que non houbese violencia, si non houbo consentimento é agresión”.

En Marea agarda que, despois das declaracións de intencións do PSOE,  esta iniciativa “teña o consenso suficiente para saír adiante na Cámara”.

Principais medidas da lei

O requisito para poder exercer os dereitos e acceder aos servizos previstos nesta lei é a acreditación da existencia dunha situación de violencia sexual. A acreditación non dependerá da vontade da vítima de emprender accións legais nin de testemuñar contra o autor da violencia sexual.

Reparación integral das vítimas. As mulleres vítimas dos delitos de violencia sexual teñen dereito á reparación integral dos danos e prexuízos padecidos, coa finalidade de devolver á vítima á situación anterior á agresión sufrida, incluidas as medidas necesarias para garantir a súa recuperación física, psíquica e social.

Modificación do Código Penal: a necesidade do acordo das partes implicadas para que podamos falar de relacións sexuais libres e satisfactorias que se reflicte no espírito desta lei, ten a súa tradución legal na teoría do consentimento. Por esta razón nesta lei lévase a cabo tamén a unificación e ordenación das condutas constitutivas de agresións sexuais e de abusos sexuais baixo a denominación común de ‘agresións sexuais’, poñendo o acento non xa nas condutas de contido sexual, senón nos medios comisivos que evidencien a falta de consentimento (verbal ou implícito) da vítima para a práctica desas relacións.

Medidas de prevención e sensibilización no ámbito educativo: o sistema educativo español incluirá, dentro dos seus principios de calidade, a integración de contidos sobre educación sexual en igualdade e diversidad afectivo sexual para o alumnado, apropiados en función da idade, en todos os niveis educativos a partir da educación primaria, respectando en todo caso as competencias en materia de educación das Comunidades Autónomas.

Deja un comentario