
A vicepresidenta do Parlamento de Galicia e deputada de En Marea, Eva Solla, instou á Xunta de Galicia a dotar as urxencias do Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS) dos medios materiais e humanos necesarios demandados polo persoal do centro. Eva Solla, destacou en comisión a intolerable situación que vive tanto por parte do persoal sanitario como non sanitario que levan tempo denunciando o descontrol e abandono na que se atopan as urxencias.
A falla de medios tanto de persoal como material están a provocar situacións de moita tensión entre o persoal que ve como ante a desidia da dirección do hospital empeora a calidade asistencial repercutindo nos doentes e tamén nos traballadores e traballadoras. As condicións laborais que teñen que soportar son totalmente inadmisibles como afirmou a deputada de En Marea cun ratio de pacientes moi superior ao que poden levar e pese a iso o CHUS ten as ratios de persoal máis baixas que outros centros que se podan comparar con el como CHUAC ou CHUVI xa de por si bastante saturadas.
En canto ao material, están a traballar con aparatos de hai 20 anos en condicións lamentables en algúns casos debido ao elevado uso que se lles da aos mesmos no servizo de urxencias. No mellor dos casos intentan ser solucionadas con reparacións e pezas de recambio que non son en absoluto unha solución senón algo temporal.
Pese ás reunións mantidas coa dirección e a xerencia, na que foron trasladadas as demandas mínimas que xa non podían adiarse máis, sendo recoñecido pola propia dirección a mala situación, as cuestións comprometidas seguen sen levarse a cabo pese a existir partidas habilitadas para tal fin, segundo a información dada pola propia xerencia en maio do ano pasado, en relación a actualización do servizo de raios.
Esta situación de falla de investimento nas urxencias, resulta totalmente inadmisible tanto polo empeoramento da calidade asistencial da sanidade pública como das condicións laborais de persoal, sobre todo tendo en conta que a dirección e a xerencia son plenamente coñecedoras da situación denunciada.
Por todo isto, En Marea presentou unha proposición non de Lei na que se insta á Xunta de Galicia a acabar con esta grave falla de persoal e material nas urxencias do CHUS. O grupo parlamentario do PP presentou unha emenda á iniciativa de En Marea que non foi aceptada xa que como sinalou Eva Solla “sería como aceptar que non se fixera nada para acabar co grave problema de falla de persoal que se está a dar a diario e non como algo puntual¨.