En Marea ben de rexistrar no Parlamento de Galicia diversas iniciativas instando á Xunta de Galicia a reforzar o centro de saúde de Ares. A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, considera imprescindible incorporar un médico de familia, dous ATs, ampliar a xornada completa o servizo de pediatría e dotar de servicio de fisioterapia ao centro.
Solla destacou que cada vez son máis as denuncias en diferentes concellos por falta dunha cobertura axeitada dos servizos nos centros de saúde. “Durante as campañas electorais, a Xunta levou a cabo a inauguración de varios centros de saúde que pasadas as eleccións, quedaron esquecidos” denunciou. A política de inauguración deses centros sen que despois se lles dese unha cobertura axeitada dos servizos en función das demandas de poboación, “está a constituír unha eiva na atención primaria deses municipios que ven como aumentan as listas de espera nos facultativos de atención primaria”.
Este é o caso do centro de saúde de Ares, con 5672 habitantes e 4838 tarxetas sanitarias está menos dotado que concellos máis pequenos da súa contorna. Tendo en conta ademais, que algún Servizo como o de pediatría é compartido co Concello de Mugardos, sumando os dous concellos un total de 979 nenos e nenas menores de catro anos.
Ante esta situación En Marea levará ao Parlamento de Galicia a petición de que o Goberno galego cumpra e reforce o centro de saúde de Ares dotando dos servizos precisos para lograr unha atención de calidade e axeitado para a poboación.