A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, e a deputada Paula Vázquez Verao, visitaron esta mañá o Hospital de Monforte e mantiveron unha xuntanza co persoal do centro para dar apoio ás lexítimas reivindicacións.
Os recortes de persoal como denunciaron as deputadas de En Marea levan facéndose patentes desde hai 10 anos non teñen ningún tipo de resposta por parte da xerencia e a consellería de Sanidade. Ante esta situación os profesionais do centro, fartos da excesiva carga de traballo e do deterioro da calidade asistencial, convocaron unha folga e diversas mobilizacións que arrancarán a vindeira semana.
Desde En Marea trasladaron o seu total apoio a estas reivindicacións e anunciaron que preguntarán á Xunta de Galicia pola situación que se está a vivir no Hospital de Monforte ao tempo de esixir unha solución inmediata.