En Marea insistiu en que despois do anuncio de Alcoa de pechar as plantas da Coruña e Avilés “o prioritario son os postos de traballo” e “solucións a medio e longo prazo para acabar con esta situación”, por iso solicitamos á ministra de Emprego, Magdalena Valerio, e á ministra de Industria, Reyes Maroto, que deteñan o ERE mentras esté en marcha a mesa de negociación.

“Dende onte estamos en permanente contacto cos traballadores, pero dende logo non pararemos para evitar o peche destas empresas. Emitimos cartas á ministra de Traballo e Industria pedindo que con carácter inmediato se levante o ERE extintivo rexistrado. Pedimos que intercedan porque non ten sentido que teñamos unha mesa de negociación cun ERE sobre a mesa”, explicou a deputada Yolanda Díaz en rolda de prensa este martes no Congreso.

O voceiro de En Marea amosou a firme intención de En Marea de facer “todo o posible en todas as frontes institucionais para preservar os postos de traballo de Alcoa”. Así mesmo lembrou que a empresa estivo cobrando durante anos importantes subvencións que nunca explicou a que foron destinados estes cartos.

Neste sentido considerou sorprendente que as dúas fábricas das que anuncian o peche, A Coruña e Avilés, sexan precisamente as que máis cartos públicos recibiron e criticou que se permita que estas empresas inclúan estas axudas na conta de beneficios en lugar de investir en melloras das fábricas.

Pola súa banda o vicevoceiro de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, lamentou que “unha vez máis os grandes prexudicados son os traballadores e traballadoras que dun dia para outro ven perigar 400 postos de traballo”.

“Nos últimos 20 anos a política da Xunta foi permitir espolio dunha empresa que era pública ao principio, e financiar con fondos públicos que rematan na conta de beneficios da empresa sen investir en melloras. Ao que se suman os privilexios á empresa e das eléctricas que cobran dos prezos máis altos de Europa” denunciou Sánchez.

A deputada Yolanda Díaz explicou tamén en detalle a xuntanza que mantivo onte coa Ministra de Industria, Reyes Maroto, para abordar o peche destes dous centros.

“A ministra da industria comprometeuse a constituír unha mesa bipartita entre as administraciones afectadas, tanto as administración do principado, da Xunta e das alcaldías, sindicatos e empresa. Non ten sentido que se constitúa a mesa cun ERE sobre a mesa”, insistiu Díaz, que remarcou que “a posición do noso grupo é a defensa e solidariedade coas traballadoras, por iso estaremos con elas en todas as manifestacións”.

Deja un comentario