Os deputados e deputadas do grupo parlamentario de En Marea, xunto coa deputada no Congreso, Alexandra Fernández, e a vicepresidenta da Generalitat convidada por En Marea, Mónica Oltra, sumáronse esta mañá a manifestación convocada en Santiago de Compostela no quinto aniversario do tráxico accidente do Alvia na curva de Angrois.

O voceiro Luís Villares reclamou verdade e xustiza para as vítimas do accidente de Angrois e pediu que se depuren as responsabilidades políticas asegurando que “non pode ser que se planifiquen infraestruturas e despois cambien polo ciclo electoral pensando unicamente en termos electoralistas e menos aínda que todo isto poda ser xustificado e quede impune por encubrimento recíproco entre un partido é outro”.

A deputada de En Marea no Congreso e portavoz da comisión de investigación do accidente do Alvia, Alexandra Fernández, quixo nun primeiro lugar recoñecer o traballo das vítimas “que levan 5 anos loitando contra un Estado que se dedica a facer boicot para impedir que se saiba a verdade”.

Destacou así mesmo a labor de En Marea que foi quen de lograr que se abrise a comisión de investigación no Congreso despois de cinco anos superando o bloqueo do Goberno do PP no Estado.

A deputada tamén manifestou o compromiso de En Marea de que a comisión sirva para depurar responsabilidades tanto de Renfe e Adif pero tamén políticas: “Hai unhas responsabilidades penais pero tamén políticas”, insistiu a deputada.

Fernández tamén destacou a petición de En Marea para que as vítimas “pechen as comisión de investigación e ofrezan unha valoración sobre como transcorreu a mesma”.

Pola súa banda, a vicepresidenta da Generalitat, Mónica Oltra, que tamén participou manifestación, salientou as similitudes entre o accidente en Angrois e o accidente de metro en Valencia.

“Se non se tivera pechado en falso a investigación do accidente de metro de Valencia probablemente se poderían ter sacado conclusións que terían axudado e incluso evitado outros casos, pero repítese a sistemática de intentar cargar a culpa nunha soa persoa sen ter en conta as medidas de seguridade que poderían ter evitado o accidente. É neste punto onde existe a responsabilidade política” declarou Oltra.

Deja un comentario