Baixo os lemas “Tarxeta Vermella ao Machismo” e “Márcalle un Gol ao Machismo”, a formación organizará unha exposición de fotografía en Santiago de Compostela con mulleres deportistas como protagonistas.

É evidente que estamos en emerxencia feminista no país e no Estado e, por desgraza, así o amosan as cifras. No que vai de ano levamos máis de 50 mulleres asasinadas, e máis de 90 tendo en conta as crianzas, segundo os estudos de feminicio.net. Ante esta realidade, e na véspera do 25N, a vicevoceira de En Marea, Ana Seijas, e a deputada, Paula Verao, presentaron esta mañá a campaña de En Marea para o 25N.

Ana Seijas indicou que a loita contra a violencia machista é unha loita de toda a sociedade: “Estamos moi próximas ao 25 de novembro, onde esta loita sacará a milleiros de mulleres e moitos homes que nos acompañarán loitando contra esta lacra, unha violencia que é estrutural”

A vicevoceira presentou a campaña de En Marea para axudar a rematar cunha violencia que se da en todos os ámbitos sociais, unha campaña que “imos desenvolver no eido institucional e no eido social”. En Marea chamará a atención sobre a violencia que sofren as mulleres, non soamente a física, cuxo máximo expoñente son os asasinatos, senón tamén noutros eidos, especialmente no deportivo.

Son moitas as voces de mulleres deportistas que están reclamando unha sociedade máis xusta e que loitan contra a violencia machista, con exemplos totalmente coñecidos como Vero Boquete ou Ana Peleteiro, pero hai moitas máis: “quixemos poñer o foco neste mundo para amosar que a violencia é estrutural, pero non falamos soamente do deporte, falamos tamén do mundo da creación artística ou no campo da comunicación, chega con ver como se presentan os logros das mulleres nas súas áreas”.

En Marea presentará no Parlamento Galego unha serie de iniciativas institucionais e manterá unha serie de encontros políticos coa sociedade para poder reflexionar conxuntamente sobre aquelas cuestións “que nos importan e que nos deben facer avanzar na erradicación das violencias machistas, porque cada muller asasinada, cada golpe, é  unha derrota de toda a sociedade” continuou.

A campaña comezará o día 21 cunha exposición que terá lugar no Café Literario en Santiago de Compostela, coordinada por Camino Casabella, na que se exporán diferentes obras pictóricas e fotográficas, nas que se ve a evolución da muller no deporte e na que se dará conta da invisibilización e da violencia que sofren as mulleres no deporte.

Acompañando a exposición, que estará vixente ata o día 10 de decembro, haberá tamén unha serie de conferencias, comezando cun café coloquio, o propio día 21, con Merce Barrientos, presidenta de Mulleres Galegas no Deporte. Unha vez rematada na capital, a campaña estenderase no tempo “esta campaña non vai rematar o 25 de novembro, senón que se prorrogará durante os vindeiros tres meses movendo esta exposición polos concellos do noso país para marcarlle un gol ao machismo”, concluíu Ana Seijas.

Pola súa banda, a deputada Paula Verao explicou as iniciativas de En Marea que teñen que ver coa violencia machista, en sentido amplo e tamén sobre as causas estruturais desa desigualdade, como o tratamento da violencia machista na CRTVG ou a fenda salarial no eido da cultura: “quixemos centrarnos no deporte porque é un campo onde faltan protocolos e formación para detectar situacións de abusos e violencias machistas como denuncian as propias deportistas, pero que no eido educativo pode ser un elemento que sirva para empoderar as mozas e as nenas, e non o de coser un botón como dicía a deputada de Madrid de VOX.”

Paula Verao emprazou a superar  roles de xénero a través do deporte, promovendo, por exemplo, o deporte mixto desde os colexios “todo o contrario ao que significa ese reparto masivo da campaña homófoba de Hazte Oír, que por suposto rexeitamos, e respecto a cal interpelaremos a Consellería de Educación por ser unha propaganda que vulnera os dereitos humanos.

En Marea quere resaltar as desigualdades que sofren as deportistas cando exercen a maternidade, algo que padecen todas as traballadoras, pero que no ámbito do deporte é tremendo, “pois moitas nin tan sequera teñen contrato como tal, ou teñen cláusulas antimaternidade directamente”.

A deputada manifestou a necesidade de lexislar para rematar con esta realidade: “isto solucionase con inspeccións pero tamén con cambios lexislativos, neste sentido queremos resaltar que o Clube de Fútbol de Burela é o único equipo que ten un convenio laboral e que permite as xogadoras renovar o contrato coa maternidade ou o pago da gardería cando teñen a crianza”.

Por último amousou o seu rexeitamento a que as competicións deportivas de elite se leven a cabo en países que vulneran os Dereitos Humanos: reivindicamos a Vero Boquete e Ana Peleteiro, dúas das mulleres que se rebelaron contra a celebración da Supercopa en Arabia Saudí porque é un contrasentido que competicións deportivas sirvan para branquear a países que vulneran os Dereitos Humanos. Nós queremos sumarnos a esas denuncias valentes de mulleres deportistas e pedir que non se promocionen este tipo de eventos nestes países.

Let’s block ads! (Why?)

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario