O voceiro de En Marea, Luís Villares, instou á Xunta de Galicia a cumprir co acordo parlamentario acadado no día de onte en defensa dos postos de traballo de Alcoa na Coruña coa retirada inmediata e incondicional do ERE de extinción. “É evidente que hai que solucionar cara o futuro a situación e as axudas ás empresas electrointensivas, e sacalas da incertidume e da falta de garantías  que vaian mais alá da conta de resultados das empresas e que deberían ter en conta de maneira vinculante a renovación tecnolóxica e o mantemento do emprego” explicou Villares.

Ata o de agora isto non se fixo, cunha lexislación aparentemente errática e improvisada, con sucesión de parches de mínima duración que impedían un marco estable a longo prazo. “Unha situación que foi mantida de forma deliberada no tempo coa convivencia dun poder político dedicado a amparar ao oligopolio eléctrico, que este sabe agradecer, colocando aos seus máis ilustres exdirixentes en postos executivos, apelídense González, Aznar ou Fernández De Mesa, nun exercicio inaceptable de portas xiratorias entre poder político e empresa privada favorecida por eses que ocuparon antes postos políticos de relevancia, e que posteriormente exercen de lobbistas sobre os seus antigos compañeiros de Partido” afirmou Villares.

“Temos que desenchufar dunha vez por todas a convivencia co oligopolio eléctrico por parte do poder político, vía lexislación e vía subvención. Estamos nun escenario  no que non se pode falar de dar máis cartos sen condicións ás empresas electrointensivas como Alcoa” defendeu.

Na súa intervención Villares salientou a urxencia “vital” de cumprir o acordo parlamentario que debe marcar o inicio da unidade de acción entre Parlamento, Concellos afectados, Goberno da Xunta e Goberno do Estado, situándose a carón das traballadoras e traballadores de ALCOA. A esta unidade inicial debe seguir unha proposta conxunta, consensuada, que pense na xente, nos postos de traballo, no futuro industrial de Galicia e que incinere dunha vez por todas calquera dúbida sobre de que lado están as forzas políticas galegas. “Facer o contrario só beneficia a estratexia de Alcoa” concluíu Luís Villares.

Na súa intervención o voceiro de En Marea insistiu na necesidade de actuar a medio prazo facendo unha revisión total da lexislación eléctrica que non só pon en risco a viabilidade de toda a industria, mais alá das empresas electrointensivas, senón que supón unha lousa inasumible para a maioría dos fogares, cada vez máis nunha severa pobreza enerxética.

Para iso, é necesario desmontar toda unha lexislación moi complexa desenvolta durante moitos anos co único obxectivo de beneficiar ao oligopolio eléctrico como explicou o voceiro de En Marea pero a curto prazo, sinalou como como primeira medida sacar a produción hidráulica, eólica e nuclear das poxas diarias de enerxía e obrigar a que sexa vendida a longo prazo con prezos xustos e estables. Asemade, permitirase a contratación bilateral física entre produtores e grandes consumidores como Alcoa.

A longo prazo, pero con vista na renovación das institucións europeas que terá lugar o ano que vén, desenvolver aranceis medioambientais baseados na pegada de CO2 dos produtos que entren na UE procedentes de países terceiros.

O voceiro de En Marea rematou instando a ao Goberno galego e Estado a que, en caso de que Alcoa insista no peche, esixa a devolución dos 1.000 millóns de euros e incluso aplicar o artigo 182.2 da Constitución Española tendo en conta que Alcoa é monopolística na fabricación de aluminio en España. Lembremos que a CE establece que:
2. Recoñécese a iniciativa pública na actividade económica. Mediante lei poderase reservar ao sector público recursos ou servizos esenciais, especialmente en caso de monopolio e así mesmo acordar a intervención de empresas cando así o esixir o interese xeral.

Deja un comentario