En Marea insta á Xunta de Galicia a acometer dunha vez por todas a necesaria ampliación do centro de saúde do Porriño e a garantir unha dotación de persoal e medios suficiente para cubrir as necesidades asistenciais de todos os municipios aos que presta servizo. Así o reclamou este mércores no Parlamento de Galicia, onde a deputada Eva Solla defendeu unha iniciativa coa que tamén denunciou a non cobertura das baixas e vacacións.

A ampliación do centro de saúde do Porriño é unha demanda histórica. Xa en 2010 o Concello puxo a disposición unha parcela de 525 metros cadrados e asinou un acordo coa Xunta de Galicia, que incluía a creación dun servizo de fisioterapia e outro de radioloxía. Porén, case unha década despois a situación non mudou, os terreos fican baldíos e de novo o goberno galego non inclúe no seu orzamento para o vindeiro ano a partida para impulsar esa infraestrutura nin para mellorar a Unidade de Atención ás Drogodependencias. Dúas medidas aprobadas por unanimidade no pleno do Concello do Porriño.

Tal e como lembra a deputada Eva Solla, os pediatras soportan unha elevada carga de traballo, e o espazo para urxencias e rehabilitación dispoñible tamén é insuficiente. Ademais, o número de pacientes potenciais tense incrementado nos últimos anos ata superar os 40.000. Unha carga asistencial que se agrava no caso do PAC, que tamén dá cobertura a outros municipios da contorna, como Mos ou Salceda de Caselas.

Eva Solla lembra a nova concentración convocada para este xoves no Porriño, onde a veciñanza volverá reclamar que se acometa a ampliación pendente. E insta ao goberno galego a dotar este e o conxunto dos PACs galegos de persoal suficiente e a cubrir baixas e vacacións. “Non pode ser que reiteradamente o goberno non habilite as partidas precisas para cubrir as necesidades en materia sanitaria”, indica a deputada, que lamenta que o goberno galego desoa de xeito reiterado as peticións e permaneza impasible ante as carencias.

Esa liña, a deputada lembra que o déficit de medios e persoal que afecta ao PAC da localidade é un problema que se extende ao conxunto dos puntos de atención continuada de Galicia, cuxo persoal está a mobilizarse. “Lonxe de buscar solucións ás carencias dos PACs, que na súa maioría traballan con dotacións de persoal moi por debaixo das necesidades, a Xunta propón unha solución que atenta contra os dereitos dos traballadores”, denuncia Eva Solla.

“Os profesionais piden un plan de continxencias que permita cubrir as ausencias imprevistas cun modelo análogo ao que funciona no 061. Algo que non se fixo. Lonxe diso, agora a Xunta pretende obrigar ao persoal a figurar nunha listaxe sen ningún tipo de contrapartida, violando o seu dereito á conciliación e forzándoos a incrementar a súa xornada laboral”. Unha solución inaceptable.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario