O grupo parlamentario de En Marea presentou unha proposición non de lei na comisión de Educación e Cultura do Parlamento instando á Xunta de Galicia a actuar de xeito urxente contra o deterioro do Mosteiro de Oia, “emblema do Concello –representado no escudo- e de toda a comarca” como destacou a deputada Ánxeles Cuña.

Algúns autores xa falan da súa existencia en tempos de Martiño de Dumio no século VI e outros atribúen a súa fundación a san Froitoso de Braga un século máis tarde. No século XII hai referencias a unha comunidade monástica, pero é no 1137 cando ten lugar a súa fundación, para logo incorporarse á Orde do Císter no ano 1185. Após a desamortización de Mendizábal, o Estado fai unha poxa pública do mosteiro en lotes e a igrexa pasa a ser parroquial. O século XX supón un constante cambio de mans. O Mosteiro e BIC dende o ano 1931.

Até 2004, ano no que o complexo recae no seu actual propietario, a navieira Vasco Galega e Consignacións, con anos de actividade no sector do transporte e na distribución de mercadorías, tras comprarllo en 2004 por 2,4 millóns euros ao Banco Pastor (entidade que, co visto e prace do Goberno de Manuel Fraga no ano 2000, proxectara un hotel de 5 estrelas e un centro termal no mosteiro). Pasados 13 anos, esta mercantil, mudou de nome a Kaleido Ideas & Logistics, mais o mosteiro, lonxe de evolucionar, sufriu unha deterioración palpábel.

No 2005 créase Residencial Mosteiro de Oia, S.A., promotora do proxecto hoteleiro, residencial e turístico. A entidade asegura que o principal obxectivo pasa pola restauración, rehabilitación e posta en valor do conxunto monacal e da súa contorna. Formúlase a instalación dun complexo hostaleiro composto por un hotel de 4 estrelas cunha capacidade aproximada de 72 cuartos e mil metros cadrados de salóns para celebracións e eventos localizados no cenobio e a construción de 150 prazas de aparcadoiro exterior para visitantes e clientes. Aparellado a este proxecto, prevese instalar un centro de talasoterapia e a posibilidade de desenvolver nos terreos do ámbito de actuación unha serie de edificacións de uso hoteleiro e/ou residencial cuxa tipoloxía e desenvolvemento terán relación coa trama do lugar.

A día de hoxe, o proxecto está paralizado, así como os procesos urbanísticos destinados a súa rehabilitación como complexo hostaleiro e residencial.

A veciñanza de Oia, testemuña do deterioro, ven reclamando desde hai anos que se cumpra a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia e que se garanta a conservación deste monumento como salientou a deputada de En Marea na súa intervención. Denuncian así o incumprimento desta lei e a lamentable situación na que se atopa o mosteiro, a non restauración das dependencias do mosteiro e da antiga igrexa monacal que fan perigar o conxunto dos edificios. As chuvias de decembro de 2017, produciron un importante burato na parte norte do teito do Mosteiro, deteriorando máis este Ben de Interese Cultural.

Outra das cuestións relevantes en torno a este ben de interese cultural é a súa “historia silenciada como campo de concentración e represión” como subliñou a deputada Ánxeles Cuña. “Falar de Santa María de Oia é falar tamén do tempo e da ausencia. Foi campo de concentración no ano 1937 (entre 3.500 e 5.000 persoas presas sufriron a represión entre as súas paredes)” lembrou a deputada de En Marea.

Este lugar acumulou unha enorme carga histórica e tráxica. A presencia nas paredes dalgunhas estancias de grafitos correspondentes a esta época, testemuña única, que merece ser preservada como defende o grupo de En Marea.

Ademais, leva dous veráns incumpríndose o réxime de visitas, que obriga a abrir catro veces ao mes este conxunto de Oia, de estilo cisterciense e emprazamento único á veira do Atlántico. Constátase o desleixo que está levando ao colapso do cenobio.

Ante esta situación de continuo deterioro e desleixo por parte do Goberno galego, En Marea presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia na que se insta a adoptar as medidas cautelares urxentes para a salvagarda, reparación do lousado e paredes do Mosteiro de Oia, así como outros elementos. Pídese tamén adoptar as medidas tendentes ao cumprimento do dereito de acceso da cidadanía ao Mosteiro de Oia.

En Marea aposta tamén por esixir á propietaria do Mosteiro de Oia a reparación da cuberta e rehabilitación integral do conxunto monacal Mosteiro de Oia e inspeccionar e no seu caso sancionar aos propietarios, pola situación de incumprimento do deber de protección e conservación do Mosteiro de Oia.

En Marea fai un chamamento ao goberno galego a examinar, en último caso, a posibilidade de expropiar o cenobio cisterciense e/ou o conxunto do Mosteiro de Oia para a súa conservación e restauración integral e a súa reversión para o público.

A iniciativa non saiu adiante polos votos en contra do grupo do Partido Popular que unha vez máis empregou a súa maioría para botar por terra unha iniciativa que o único que perseguía era velar polo patrimonio cultural do noso país.

En Marea

DEJA UNA RESPUESTA