O grupo parlamentario de En Marea ven de presentar unha moción no Parlamento de Galicia para a creación de puntos de información enerxética estable nos concellos ante a falla de información suficiente da cidadanía sobre as tarifas da luz e a falla de acción por parte da Xunta de Galicia ao respecto. Unha falla de información que como sinalou o deputado de En Marea no Parlamento de Galicia, Francisco Casal, “supón un traslado ilexítimo de rendas dos fogares cara ás eléctricas que podería superar os 200 millóns de euros ao ano en Galicia”. “É o mais grave é que podería correxirse dunha maneira bastante sinxela e cuns orzamentos moi contidos” denunciou.

A evidencia da ineficacia das accións da Xunta “é palmaria” analizando os datos segundo Francisco Casal. Para xustificar esta afirmación explicou que o mercado  regulado é sen discusión o mais ventaxoso para os fogares e aínda así case 150.000 ao ano en Galicia estanse a pasar ao mercado libre, moitos deles sen sabelo. “Isto prodúcese polas campañas masivas das comercializadoras, que non teñen contraposición por parte da administración” asegurou. Así mesmo a discriminación horaria é a tarifa mais vantaxosa, pero en Galicia só a teñen un 6 por cento dos fogares, contra o 94 por cento dos fogares en Alemania. O motivo é que as comercializadoras eléctricas non teñen interese en que a xente se decate de que a discriminación horaria beneficiaría a máis do 95  por cento dos fogares. Referiuse tamén do Bono Social que en Galicia so chega a 9.678 usuarios pese a existir 24.092 familias numerosas e pese a que os trámites para conseguilo son moi sinxelos.

“Isto demostra que a ausencia de información dos consumidores galegos de electricidade e unha realidade evidente, aínda que o Goberno Galego segue a negala, rexeitando todas as iniciativas deste grupo para desenvolver campañas e iniciativas cunha intensidade e dotación orzamentaria proporcional ao problema e garantir que se lle da solución” declarou Francisco Casal.

Ante a insuficiente actuación do Goberno da Xunta, En Marea puxo en marcha unha campaña informativa por todo o País e que permitiu descubrir que as campañas do Goberno galego non acadaron os seus obxectivos xa que o 80 por cento das persoas que acoden as charlas informativas descoñecen que contrato e tarifa teñen nos seus fogares, o 90 por cento descoñecen se están abonados ao mercado regulado ou ao mercado libre, o 80 por cento descoñecen as vantaxas de ter contratada a tarifa de discriminación horaria, e case 100 por cen das persoas descoñecen se a potencia contratada é a adecuada para o seu fogar, aceptando a que a compañía comercializadora lles propoñe.

Aínda que as medidas mais importantes para baixar o recibo da luz van moito mais alá de ter a potencia e a tarifa adecuada, En Marea presentou diversas actuacións nese senso e que facelo pode supoñer aforros importantes ao ano para case todos os consumidores. Así, para un consumidor medio estar no mercado regulado no canto do libre supón un aforro de entre 6 e 9 euros ao mes. Estar na discriminación horaria supón un aforro de entre 10 e 40 euros, esta última cifra para os que teñen calefacción eléctrica, de aforro mensual.

“A falta de información sobre os contratos e as tarifas domésticas de electricidade mais adecuadas teñen un custo para todos os fogares galegos de entre 125 e 213 M€ ao ano. Cartos arrebatados de xeito ilexítimo dos petos das cidadás e cidadáns que acaban en beneficios das eléctricas ante a pasividade da Xunta que non fai o necesario para que esteamos informados suficientemente” insistiu Francisco Casal.

Para arranxar esta situación, o grupo de En Marea presentou unha moción no pleno do Parlamento na que se insta á Xunta a adoptar as seguintes medidas:

1.- Crear Puntos de Información Enerxética estables en todos os Concellos de mais de 15.000 habitantes. Dotados de toda a información necesaria e persoal especializado para asesorar a toda a cidadanía en asuntos como: as tarifas eléctricas e de gas mais vantaxosas; hábitos no fogar para rebaixar o consumo enerxético; medidas para incrementar a eficiencia enerxética; alternativas para o autoconsumo eléctrico; asesoramento e tramitación do Bono Social Eléctrico e de calefacción; alternativas enerxéticas a partir da biomasa, xeotermia, etc.

2.- Nos Concellos de menos de 15.000 habitantes garántese que haxa como mínimo un Punto de Información Enerxética por Comarca.

3.- Dotar de orzamento por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria o acordo coa FEGAMP para a implantación dos Puntos de Información Enerxética.

4.- Desenvolver a través do Instituto Galego de Consumo campañas informativas nos medios de comunicación públicos e privados para que a poboación coñeza as vantaxes do mercado regulado da electricidade, da tarifa de discriminación horaria e de ter contratada a potencia axeitada en cada fogar.

5.- Instar ao Ministerio de Industria e Turismo a cambiar os tramos regulados de potencia contratada de electricidade, establecéndoos en tramos de 0,2 kilowatios.

6.- Regular legalmente, dentro das súas competencias en materia de consumo, que as compañías comercializadoras de electricidade e de gas, no que lles pode afectar,  informen claramente aos seus abonados a través dos recibos de:

  1. Se están no mercado regulado ou libre e as súas implicacións: perda do dereito ao Bono Social; perda das garantías contra os cortes de subministro; etc.
  2. Cálculo exacto do importe que aboarían no recibo en caso de estar en discriminación horaria e potencia máxima consumida en cada período de facturación